Porriño convértese no mellor dos escaparates para a celebración de vodas con “Lourobodas”
Porriño converterase este fin de semana en punto de interese para todas aquelas persoas que teñen pensado contraer matrimonio, un lugar no que poderán consultar as diferentes tendencias en canto a decoración, gastronomía, moda, barbaría e estética, fotografía, vídeo, xoiaría e animación para ese día de festa tan especial e único. Mañá sábado e o domingo, 1 e 2 de febreiro, celébrase Lourobodas nas instalacións do Restaurante Manolo de Porriño, onde tamén tivo lugar esta tarde a presentación desta primeira feira de vodas de Porriño á que acudiu o alcalde Nelson Santos e o organizador do evento, José Manuel Fernández, acompañados dos responsables dos establecementos participantes.
Santos mostrouse moi satisfeito de que “Porriño sexa o escenario por primeira dun evento desta índole que sen dúbida atraerá a Porriño a moita xente chegada de toda Galicia e mesmo de Portugal interesada na temática aquí exposta”, por iso é polo que o alcalde aplaudise “a iniciativa deste grupo de empresarios que mostrarán nestas xornadas o seu bo facer, ofrecendo os seus produtos e servizos, adaptándose sempre ás necesidades e demandas dos clientes”. Fernández cualificou Lourobodas como “un bo escaparate do mundo das vodas no que un poderá atopar á súa medida a ornamentación floral, o servizo de fotografía e vídeo, a barbaría, as xoias, os traxes, a animación, a música, o transporte, os detalles para os invitados, a oferta gastronómica e mesmo a lúa de mel que máis se adapte ao seu orzamento”. Neste sentido, subliñou que “haberá importantes descontos naqueles produtos e servizos que sexan contratados durante estes dous días que dura a feira, ademais de sortear 2.000 euros en promocións das firmas participantes”. Os asistentes tamén poderán gozar de dúas exhibicións de baile, ás 18.00 horas do sábado e do domingo, nas que os bailaríns ademais de mostrar os pasos dos temas máis recorridos como son os vals, vestirán diferentes modelos de traxes de noiva e noivo a modo de desfile. De maneira complementaria ofreceranse tamén servizos e produtos orientados á celebración de comuñóns.
O alcalde felicitou a toda a organización, pois aínda que José Manuel figura como o portavoz “o feito é que sen a boa predisposición e colaboración dos 17 participantes non conseguiriamos levar adiante Lourobodas”, aseguraba Fernández. “Desde o Concello apoiamos este tipo de actuacións que ademais dun reclamo de visitantes ao noso pobo supón un elemento dinamizador do comercio local”, subliñaba Santos, e é que gran parte das firmas participantes na feira son de Porriño.
Os 17 casetas estarán abertos desde as 11.00 e até as 21.00 horas e a entrada á feira é gratuíta.











