Porremprego convoca o proceso de acreditación de competencias profesionais
O servizo municipal de Porremprego, dependente da Concellaría de Emprego e Formación do Concello de Porriño, que dirixe M. Alejandro Lorenzo, informa da convocatoria do proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral en determinadas especialidades, publicada onte mércores no DOG. “Desta maneira, todas estas persoas que xustifiquen a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación a súa relación coas competencias que queiran acreditar poderán obter o certificado de profesionalidade expedido pola Xunta de Galicia”, explica Lorenzo. Desde Porremprego ofrécese toda a información respecto da apertura deste procedemento cuxo prazo de presentación de solicitudes finaliza o día 21 de febreiro.
O alcalde Nelson Santos subliña que se trata dunha boa oportunidade para recoñecer o traballo que un realizou durante varios anos e que, por diferentes circunstancias, non obtivo ningún título oficial que o acredite como profesional nunha determinada materia, a pesar de que as súas destrezas e coñecementos sexan igual aos doutra persoa que si posúe a titulación”. Son 25 as familias profesionais obxecto de acreditación: xestión administrativa; preimpresión dixital; construción; proxectos de edificación; proxectos de obra civil; instalacións eléctricas e automáticas; instalacións de telecomunicacións; mecanizado; soldadura e calderería; cociña e gastronomía; servizos en restauración; xestión de aloxamentos turísticos; peiteado e cosmética capilar; panadaría, repostaría e confeitaría; sistemas microinformáticos e redes; instalacións frigoríficas e de climatización; instalacións de produción de calor; carpintaría e moble; instalación e amueblamiento; laboratorio de análise e de control de calidade; emerxencias sanitarias; farmacia e parafarmacia; educación infantil; carrozaría e electromecánica de vehículos automóbiles.











