O Concello do Porriño colabora cos clubs deportivos municipais destinando axudas por valor de 467.000 euros

Representantes deportivos tras a sinatura do convenio
A firma dos convenios de colaboración deportiva entre o Concello de Porriño e 13 clubs do municipio foi o motivo do encontro mantido, onte martes no salón de plenos da Casa Consistorial, entre o alcalde Nelson Santos, o concelleiro delegado de Deportes, M. Alejandro Lorenzo e os presidentes das distintas entidades que abarcan unha gran diversidade de modalidades deportivas: balonmán, baloncesto, fútbol, patinaxe, ximnasia rítmica, tenis e atletismo, entre outras.
A contía total das subvencións nominativas ascende a 466.992 euros, “unha partida importantísima e primordial para que todos estes clubs poidan levar a cabo os seus programas e plans establecidos para este ano 2014”, sinalaba o alcalde, “centrado sobre todo no desenvolvemento do deporte de base”, matizou. Unha achega económica que se complementa con outras accións como é a colaboración cos clubs na organización de diferentes eventos ao longo da tempada e a cesión totalmente gratuíta das instalacións deportivas, así como o mantemento e a mellora das mesmas.
Nesta liña, o rexedor local puntualizou que o Goberno local “está disposto, sempre dentro das posibilidades económicas existentes, a apoiar a partida destinada ao deporte porque a consideramos un importante investimento”, pero para iso tamén lle pediu a todos os representantes alí presente “a boa e correcta xestión do club en función sempre dos recursos dos que cada un dispón, adaptando o orzamento á realidade actual, tempos difíciles nos cales o sacrificio e a austeridade han de ser a clave de calquera proxecto”.
Santos felicitou a todos os equipos porriñeses e mostrou o seu congratulación ao contemplar “o seu bo facer e gran esforzo, máis aínda en momentos de crise económica”. O alcalde deu grazas publicamente a todos os clubs polo seu labor a prol do deporte, destacando ademais o traballo en coordinación con todos os equipos deportivos do municipio posto en marcha desde a Concellaría de Deportes, dirixida por M. Alejandro Lorenzo. Neste sentido, durante a reunión lembrouse que aínda permanece aberto o prazo para solicitar a subvención da Deputación de Pontevedra que cada ano destina a clubs deportivos federados, para o que desde o Concello ofrecen o servizo de asesoramento a todos os clubs interesados en solicitar ditas axudas.











