Os escolares de Atios participan nunha carreira solidaria en favor de SOS Porriño

Carreira solidaria
O CEIP de Atios organizou esta mañá unha carreira solidaria para conmemorar o Día da Paz. Os 200 escolares de infantil e primaria, de entre 3 e 12 anos, participaron xunto cos seus pais e profesores da actividade que levaba tamén a colaboración co programa municipal de alimentos SOS Porriño, pois ao recoller os dorsal pequenos e maiores doaron alimentos non perecedoiros para as familias máis necesitadas do municipio.
A concelleira de Benestar Social do Concello de Porriño, Teresa Veloso, estivo presente no evento que contou a presenza ademais dunha invitada especial, exemplo de mozo deportista e estudante: Iria Rodríguez Hortas, unha moza de 15 anos integrante do Club Atletismo Porriño e gañadora de múltiples títulos a nivel rexional e nacional en atletismo, dúatlon, tríatlon e tamén natación.
Desde o Concello e SOS Porriño agradecen “enormemente” esta iniciativa do colexio, que se celebra por segundo ano consecutivo e “que nesta ocasión serviu para ademais de pasar un bo intre facendo deporte, realizar un xesto solidario con aqueles que máis o necesitan”, subliña a concelleira.
A carreira dividiuse en tres partes. En primeiro lugar correu o alumnado de infantil realizando un circuíto polo patio do colexio, a continuación os de primeiro e segundo curso de primaria correron a través do patio e por fóra do recinto e, por último, os máis maiores fixeron dúas voltas dese mesmo percorrido, que lles levou polas inmediacións do colexio. Como se trataba dunha carreira solidaria non houbo gañadores nin premios pero si agradecementos a todos os participantes e colaboradores.











