Os alumnos do obradoiro Tahúme reparan a cuberta do centro social de Carreira
Chegado o ecuador do obradoiro Tahúme, alumnos desta iniciativa mixta de emprego e formación están a traballar xa na construción da cuberta do Centro Social e Multiusos de Carreira, que é, polo que ao municipio de Riveira se refire (a acción está compartida con Porto do Son), a máis importante das actuacións programadas para ser executadas durante esta escola taller de seis meses de duración, que foi inaugurada o pasado 30 de outubro de 2013.
Así e logo, o edificio situado no lugar de Pé do Corniño comeza a cobrar forma, despois das diversas obras realizadas, que incluíron a construción dos tabiques no interior do edificio e a canalización das augas pluviais na parte exterior. Se o tempo acompaña, a próxima semana darase comezo ao formigonado da cuberta, que nun futuro próximo está previsto que sexa revestida de zinc.
En total, dezaseis alumnos-traballadores da especialidade de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización (dúas mulleres e 14 homes) están a traballar neste inmoble, iniciado polos seus predecesores do obradoiro Vionta e que pretende prestar servizo aos veciños da parroquia a través dun espazo de 268 metros cadrados de superficie formado por dous volumes unidos: un local diáfano capaz de aloxar diferentes actividades da comunidade e outro que dará cabida a unha cafetería e aos servizos comúns.
Carpintería
En canto aos oito alumnos de carpintería que tamén forman parte deste obradoiro, no que atinxe en Riveira realizaron ata o momento en labores de mantemento de parques urbanos (entre eles o parque García Bayón), traballos de reparación na pasarela do paseo de Coroso e outras accións de mellora no Centro Cultural Lustres Rivas e a Biblioteca Municipal. Proximamente está prevista a continuación da área de pasarelas na praia da Catía á altura do río Listres.
Por outra parte, cómpre informar tamén que esta mesma semana o obradoiro Tahúme inicio o adoquinado da rúa Outeiro Alto en Porto do Son, municipio no que tamén acometeron outras accións como a renovación do mobiliario interior de diversos colexios e a realización de macetas, bancos e papeleiras.











