O PXOM de Sada acada a fase final da súa tramitación cara á aprobación provisional

Encarnación Rivas co alcalde de Sada. Foto: C. Paz
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas recibiu esta mañá o alcalde de Sada, Ernesto Anido para pechar os derradeiros trámites do Plan Xeral de Ordenación Municipal que está a completar a súa tramitación cara á súa aprobación provisional polo pleno municipal.
A reunión, que vén precedida doutros 7 encontros anteriores, contou coa participación activa do grupo de traballo técnico formado polos técnicos de ambas administracións e o equipo redactor do Plan xeral de ordenación municipal, e serviu para dar conta das derradeiras modificacións introducidas no proxecto do documento tras a aceptación do 75% das preto de 2.000 alegacións presentadas durante os 3 meses que o PXOM permaneceu a exposición pública ( 21 de xaneiro- 21 de abril de 2013), así como as resultas dos 34 informes sectoriais solicitados, os cales son preceptivos e vinculantes.
Rivas Díaz mostrou o seu total apoio ao PXOM da vila coruñesa e destacou a axilización e bo ritmo que caracterizou a complexa tramitación dos traballos de redacción do PXOM ata o momento. Cabe destacar que dende o ano 2006 o Concello de Sada réxese por un Decreto de Ordenación Provisional que suspendeu as normas subsidiarias de Planeamento que estaban vixentes, ata a probación definitiva dun PXOM, o cal foi contratado polo Concello de Sada a finais de 2009.
Nestes 4 anos o PXOM someteuse ao informe previo a aprobación inicial, que emitiu a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 30 de maio de 2012, e aprobouse inicialmente no pleno municipal do 21 de decembro de 2012. Expúxose ao público durante 3 meses, un mes mais dos 2 obrigatoriamente establecidos pola LOUG, e simultaneamente solicitáronse os informes sectoriais preceptivos e vinculantes que xa foron emitidos na súa totalidade e cuxas resultas foron introducidas no documento polo equipo redactor.
Asemade o pasado 28 de agosto o Concello deu conta no pleno municipal das alegacións recibidas, e neste momento ultima a presentación ante a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da presentación da proposta de Memoria Ambiental. Unha vez emitida (2 meses) o PXOM estará en condicións de ser sometido a aprobación provisional polo Pleno Municipal e remitido á Xunta para a súa aprobación definitiva.
No que se refire a subvencións, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas concedeu ao Concello de Sada máis de 184.800 euros en concepto de axudas para a redacción do planeamento urbanístico así como para a adaptación do PXOM á Lei 2/2010 de 25 de marzo.











