O proxecto de mellora do espazo tradicional ambulante da Bandeira roldou os 33.500 euros

Cores Tourís na visita á feira da Bandeira
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Silleda para comprobar, en compaña do alcalde da localidade, Manuel Cuíña, o remate das obras de potenciación do comercio local deste municipio, executadas a través dunha subvención da Consellería de Economía e Industria.
No acto estiveron acompañados polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como polo portavoz do PP da localidade, José Luis Espiño.
Cores Tourís recordou que os traballos que hoxe visitaron son unha realidade grazas ao interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en pro da revitalización do comercio de proximidade e da creación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes.
“Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a Silleda encamiñada a executar melloras na área na que se desenvolve o mercado tradicional ambulante de Bandeira e favorecer así a afluencia das familias da contorna a este espazo comercial, fomentando, á vez, as compras no comercio local”, explicou Cores Tourís. O proxecto presentado polo municipio roldou os 33.500 euros, dos cales, o 75% (algo máis de 25.000 euros) foi aportado pola administración autonómica.
As obras acaban de rematar e supuxeron a mellora da iluminación, a reparación do pavimento e a instalación de novo mobiliario urbano no entorno onde se celebra o mercado ambulante tradicional.
O alcalde de Silleda agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia nesta obra xa que “para este concello é moi importante adaptar e mellorar este entorno, ao tratarse dunha zona de grande pulo comercial”.
Tamén fixo referencia o rexedor ao feito de que dous días ao mes, Bandeira conta cun mercado tradicional “ao que acoden veciños de todos os concellos limítrofes, polo que contar cunha zona adecuada e atractiva axudará a que se animen a permanecer máis tempo na localidade e facer aquí as compras que necesiten”.
Pola súa banda, o delegado territorial destacou que “a adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio. Para estes efectos, as actua¬cións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles. É preciso, polo tanto, acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores”, apuntou.
A maiores, o concello de Silleda tamén investiu outros 7.500 euros de cara á dinamización comercial do municipio, grazas á colaboración económica da Consellería de Economía e Industria que aportou o 40% deste montante que tivo como obxectivo a posta en marcha de diversas iniciativas para a atracción de novos consumidores, a sensibilización implicación da poboación para dinamizar o consumo local nos núcleos de Bandeira e Silleda e a colaboración coas asociacións para potenciar o pequeno comercio local.
Esta orde de axudas destinou 4,5 millóns de euros a toda Galicia, dos que 1,5 millóns corresponderon a provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total”, destacou o delegado territorial.











