O Porriño presenta á Xunta o novo proxecto de obradoiro de emprego
Comezado xa o VIII Plan Integral de Emprego de Porriño, a Concellaría de Emprego e Formación, que dirixe M. Alejandro Lorenzo, xa ten preparado o próximo proxecto de obradoiro de emprego para presentar á Xunta de Galicia, do mesmo xeito que traballa xa tamén no IX PIEP.
Aberto xa o prazo de solicitudes, o Concello de Porriño entregará a súa proposta do obradoiro que se desenvolvería durante seis meses deste ano 2014. O proxecto inclúe tres programas: Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais; Emprego doméstico e limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais e Electromecánica de vehículos. O tres especialidades son totalmente diferentes ás impartidas en anos anteriores e todas elas contan con certificado de profesionalidade. “Trátase da posta en marcha de proxectos innovadores nunca antes realizados no municipio e cunha boa proxección de futuro, existindo no mercado laboral ofertas para estes perfís”, explica o alcalde Nelson Santos. No entanto, para darlle continuidade á formación en atención sociosanitaria, presente sempre nos últimos obradoiros de emprego dada a alta demanda de profesionais con este perfil no mercado laboral, impartiranse novas accións formativas, como o curso xa posto en marcha enmarcado no Programa Aquelando 3 que a Deputación de Pontevedra concedeu ao Concello de Porriño.
O obradoiro continuará sendo un programa mixto que combina a formación cun traballo efectivo, pois os alumnos-traballadores realizarán obras e prestarán servizos de interese xeral e social, en beneficio de todos os veciños e do municipio de Porriño. O concelleiro de Emprego e Formación explica que na primeira das especialidades antes mencionada “desenvolveríase a programación dos diferentes actos festivos e culturais do ano que se celebrasen no municipio e que presentará importantes novidades no calendario de 2014 con festexos moi innovadores e peculiares, que farán partícipes á hostalaría, comercio, clubs deportivos e asociacións de Porriño”. Na rama de electromecánica de vehículos os alumnos-traballadores “encargaríanse do mantemento e a recuperación do parque móbil do Concello, formándose para logo ocupar postos como operario de taller de mecánica rápida, auxiliar de almacén de recambios ou electricista de automoción”. A outra especialidade centraríase en “a limpeza e mantemento dos edificios municipais tanto no centro urbano como nas parroquias, formando ao alumnado para nun futuro poder traballar como empregado de fogar ou persoal de limpeza”.
Prevese que o tres especialidades deste obradoiro ocupen a 45 persoas porriñesas desempregadas, con preferencia as menores de 30 anos, que pasarían a formarse e a adquirir coñecementos nunha determinada materia de face a afrontar nun futuro próximo a inserción laboral con maior competitividade. Ademais, paralelamente á formación, recibirán unha retribución salarial polo traballo desempeñado.











