O novo mercado municipal de Riveira acentúa a vocación unitaria tras os cambios no proxecto técnico
Un dos puntos que van figurar na orde do día do pleno ordinario da Corporación do vindeiro luns é a aprobación do proxecto de reorientación e finalización do novo Mercado Municipal de Riveira, unha das accións incluídas no proxecto Riveira Atlántica 2015, cofinanciado nun 70% con fondos europeos Feder. Para explicar os detalles desta importante actuación compareceron este mediodía na Casa do Concello o tenente de alcalde e concelleiro de Consumo, Vicente Mariño, e Ángel Cid e Silvia Diz en representación de 2C Arquitectos, que foi a empresa encargada de redactar o novo proxecto.
Este documento mantén en liñas xerais a aparencia do edificio e os seus característicos pechamentos inclinados, segundo apuntou Ángel Cid durante a presentación. As modificacións introducidas perseguen sobre todo acadar unha maior flexibilidade de uso das distintas plantas, ao tempo que dar ao inmoble unha concepción unitaria que favoreza as sinerxías entre as mesmas, evitando que algunha puidese quedar desocupada por posuír un menor atractivo comercial.
Neste senso, e co fin de redundar neste carácter unitario, un dos cambios máis significativos é que as escaleiras mecánicas chegarán ata a última planta e non se limitarán a unir só as dúas primeiras como estaba inicialmente plantexado (considérase suficiente en contraposición un só ascensor para os potenciais clientes). Outra das innovacións que acentúa a vocación de unicidade e a intercomunicación visual é que o oco que opera como lucernario interior mantén unhas medidas semellantes nas distintas plantas en lugar de irse reducindo gradualmente a medida que se sube.
Praceiros
Ángel Cid tamén explicou que a planta baixa quedará ocupada pola totalidade dos operadores actuais do mercado recollendo unha demanda dos propios praceiros, mentres que a planta primeira estará preparada fundamentalmente para albergar produtos que sirvan de complemento á parte inferior.
En canto ao segundo e o terceiro andar, están pensados para os sectores de restauración e servizos, pero en lugar de limitar o seu uso a un supermercado e un restaurante, concíbense como dous espazos versátiles que poden dar cabida a variadas alternativas de negocio de diferentes tamaños. Unha novidade significativa é a habilitación de dúas grandes aperturas para disfrutar das vistas que estarán equipadas con ventás corredeiras e permitirán o seu aproveitamento, espacialmente no período estival. Ademais, a diferenza do que antes acontecía, as súas zonas comúns serán acondicionadas e incorporaranse sistemas de climatización.
Polo que respecta á cuberta do edificio, reforzouse a súa vocación como uso hostaleiro estacional ao estar deseñada como unha gran terraza de madeira rodeada por unha varanda de vidro que permite disfrutar da contemplación do entorno. Contará cunha pérgola e cunha zona de barra.
Vidro
Tamén se avogou por ofrecer unha solución construtiva diferente á fachada, que non será de vidro serigrafiado senón de vidro blanco: algo que, ademais de evitar encarecer os custos de mantemento, permitirá que o edificio sexa máis eficiente enerxeticamente e favorecerá a asociación do edificio con sensacións de frescura e limpeza.
Tamén foron revisadas as soluciones de compartimentación e evacuación (escaleiras, sectores de incendio…) e incorporáronse diversas modificacións para sectorizar olores.
En canto aos prazos que manexa o Executivo, Vicente Mariño explicou que unha vez aprobado o proxecto en pleno, o prazo para a presentación de ofertas para a construción do mercado será de 24 días. Así e logo, no mes de marzo está previsto o estudo das distintas propostas e a adxudicación, de tal xeito que a firma do contrato e o acta de replanteo poderían estar subscritos xa na primeira quincena de abril.
De resultas disto, contémplase a segunda quincena de abril como data máis probable para o inicio das obras, cuxo prazo de execución son 10 meses rebaixables en función das ofertas.
Mantense o orzamento inicial
No transcurso da presentación de hoxe tamén se destacou que se mantén o orzamento inicial para a construción do novo mercado, de tal xeito que o prezo de licitación será de 2,98 millóns de euros (prezo inicial da actuación de 3,5 millóns de euros, descontados os pagos polas obras xa realizadas), a expensas das baixas que se poidan dar no proceso de contratación en función das distintas ofertas, tal e como ocorrera no anterior proceso.
Cabe lembrar que as obras para a construción do inmoble quedaran interrompidas o pasado setembro ante a necesidade de reorientar o proxecto e asegurar a viabilidade do modelo de explotación, segundo criterio da Comisión Técnica de Riveira Atlántica 2015.











