publicidade hoxe

O Museo do Pobo Galego acolle un homenaxe aos veciños que mantiveron vivo o Entroido dos Xenerais da Ulla

O Museo do Pobo Galego acolle este sábado ás 11.00 horas un acto de homenaxe aos veciños das parroquias onde celebra o Entroido dos Xenerais da Ulla, que en setembro do ano pasado recibiu a declaración de Festa de Interese Turística por parte da Xunta de Galicia. O acto está organizado conxuntamente polos oito Concellos onde ten lugar o Entroido dos Xenerais da Ulla: A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

Os alcaldes entregarán un galardón como recoñecemento polo traballo dos veciños dos seus respectivos Concellos onde se celebra este tradicional evento, xa que son eles os que manteñen vivo este particular xeito de celebrar o Entroido que se remonta ao século XIX e que hoxe en día conta cunha alta participación, crecente ano tras ano.

Os oito Concellos comezaron a traballar conxuntamente na promoción do Entroido dos Xenerais da Ulla en novembro de 2011. O traballo conxunto concretouse na sinatura dun protocolo de colaboración que tiña como obxectivo xenérico promocionar dun xeito unificado as diferentes celebracións que teñen lugar en distintas parroquias dos oito concellos. Con este cometido, elaborouse a web www.xeneraisdaulla.com e editouse material promocional, coa colaboración das deputacións de A Coruña e Pontevedra.

Pero ademais, o protocolo de colaboración, que se asinou o tres de febreiro de 2012 no Pazo de Raxoi, tiña como obxectivo concreto conseguir o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia, para o cal se elaborou un de modo conxunto un dossier sobre a celebración e que serviu como base para a obtención do recoñecemento. Este obxectivo logrouse despois de dous anos de traballo.

Neste 2014, primeiro ano no que a celebración será oficialmente Festa de Interese Turístico, os oito Concellos continuarán colaborando conxuntamente tanto para mellorar a súa organización como para darlle unha maior promoción.

Unha destas accións de promoción será a presenza, por primeira vez, dos Xenerais da Ulla en Fitur, a principal feira turística de España. Outra das accións de promoción do Entroido dos Xenerais da Ulla, que se celebrará entre o 22 de febreiro e o 9 de marzo, será unha exposición fotográfica colectiva, composta por 63 imaxes cedidas por veciños, fotógrafos profesionais e entidades, que se poderá visitar no Museo do Pobo Galego dende este sábado ata que remate o Entroido deste ano.

Para as diferentes accións de promoción deste ano cóntase coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Axencia de Turismo de Galicia, as Deputacións de Pontevedra e A Coruña, e a colaboración especial do Grupo de 19 Concellos Área Santiago.

O Entroido da Ulla remonta as súa orixes a primeira metade do s. XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese século: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Así os seus principais protagonistas son vistosas figuras que recrean estes momentos históricos.

As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas.  Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política  ou do corazón, acontecidos durante o ano.

Os oito Concellos decidiron facer a homenaxe a través das asociacións ou entidades que mantiveron viva esta celebración, salvo no caso de Teo, onde o propio Concello preferiu homenaxear a familias e persoas concretas. A lista de homenaxeados é:

A ESTRADA
PARROQUIA DE SANTA CRISTINA DE VEA
PARROQUIA DE SANTELES
PARROQUIA DE ARNOIS
PARROQUIA DE CORA
PARROQUIA DE PARADELA
PARROQUIA DE COUSO

BOQUEIXÓN
XENERAIS DA ULLA DE SERGUDE
XENERAIS DA ULLA DE LESTEDO

SANTIAGO
COMISIÓN DE FESTAS DE ANGROIS
ASOCIACIÓN VECIÑAL “COTO DA NAI” DE ARÍNS
COMISIÓN DE FESTAS DE MARROZOS
ASOCIACIÓN DE FESTEXOS DE SAN CRISTOVO DO EIXO

SILLEDA
AGRUPACIÓN  ANXÉLA DE LAMELA
ASOCIACIÓN DOS XENERAIS DA BANDEIRA

TEO
FAMILIA ROSENDE DOMÍNGUEZ, da parroquia de Cacheiras.
FAMILIA PEDREIRA PAZOS, da parroquia de Reis.
EDITA COBAS, da parroquia de Oza.

TOURO
COMISIÓN DO ENTROIDO DA PARROQUIA DE BAMA
ASOCIACIÓN  AS MIMOSAS DE MOUTARÓN  DA  PARROQUIA DE FAO
ORGANIZACIÓN DA FEIRA DO ENTROIDO DE FONTE-DÍAZ

VEDRA
COMISIÓN DE FESTAS DE TROBE
COMISIÓN DE FESTAS DE ILLOBRE
COMISIÓN DE FESTAS DE SAN XIÁN DE SALES
COMISIÓN ORGANIZADORA DO ENTROIDO MUNICIPAL DE VEDRA

VILA DE CRUCES
COMISIÓN DO ENTROIDO DE SALGUEIROS
COMISIÓN DO ENTROIDO DE PILOÑO
ASOCIACIÓN CULTURAL “O VELLO DOS CORNOS” DE MERZA

17 de xaneiro de 2014 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.