O Grand Prix do Norte 2014 comezou esta fin de semana en Ares
Este sábado deu comezo o Grand Prix do Norte organizado polos Clubs Náuticos de Ares e Sada. A liña de saída foi instalada nas inmediacións do porto de Ares, a pesar da choiva, o intenso frio e o mar de fondo de até 3m, a flota case non se viu minguada e 26 embarcacións preparábanse para tomar a liña ás 15:00 segundo o previsto polo comité de regatas.
O percorrido consistiu nun barlovento sotavento entre Ares e unha aboia situada nas inmediacións do porto de Sada, o vento oscilante dividiu a flota polas constantes viradas no tramo de cinguida. Tras a primeira virada, un potente e escuro chuvasco arremeteu con forza na ría, descargando tronos, raios e unha copiosa granizada, durante uns minutos a flota sufriu ventos con puntas de 30 nós, moitos barcos sufriron a envestida coas súas spinakers izados provocando máis dunha escorada e momentos de tensión. Aínda que tras o chuvasco estableceuse unha calma cunha lixeira brisa, parte da flota decidiuse retirarse para refuxiarse nos portos e poder arranxar danos, curar algún mareo ou quentar o corpo golpeado pola saraiba.
Durante a regata habería que destacar os duelos mantidos pola Vitoria de Jesús Pintos e a Losqueada de Fran Edreira seguido moi de preto polo X-Grog, e nun segundo grupo Nuboeiro de Tomás López e o Pingón de J.M Naveiro botaron un pulso que acabaría gañando o segundo por unha diferenza de menos de 2 minutos.
Os 16 barcos que permaneceron en regata obterán unha importante vantaxe inicial neste emocionante Grand Prix do Norte. A flota foi dividida en 3 grupos segundo o seu rating (compensación de tempos) e unha clase OPEN, resultando as seguintes clasificacións:
Clase OPEN: 1º Albanti, 2º Rizos, 3º El Rascao
Clase ORC 1: 1º Victoria, 2º Cachete, 3º X-grog
Clase ORC 2: 1º Raygrass, 2º Golafre, 3º Kentes
Clase ORC 3: 1º Pingón, 2º Nubarrón, 3º La Rabuda