O Concello de Riveira saca á luz o antigo lavadoiro do río Arxinde en Carreira

Lavadoiro do río Arxinde
No marco do plan de recuperación das fontes e lavadoiros do municipio, o Concello de Riveira acaba de sacar á luz un antigo elemento patrimonial que levaba preto de dúas décadas oculto pola maleza.
Trátase do antigo lavadoiro do río de Arxinde, na parroquia de Carreira: un lugar que foi moi utilizado en épocas pasadas pola súa boa situación e a calidade das augas (manan con fluidez as catro estacións do ano), pero que coa chegada da modernidade e o abandono de moitas fincas e formas de vida tradicionais foise abandonando progresivamente.
Foi o interese dos propios veciños en recuperar este elemento patrimonial o que resultou esencial á hora de que o Concello tomase a decisión de tratar de localizalo e desbrozalo e limpalo: unha tarefa que lle foi encomendada á brigada municipal de xardinería, á cal lle ocupou tres xornadas laborais ante a espesura da maleza.
Restauración
Agora, a intención do Executivo é poñelo en valor a través dalgunha actuación de restauración, tal como se ten feito xa en numerosos elementos do municipio (Fondevila, Martín, A Nogueira, A Fonte en Corrubedo, etc…)
Ademais, o tránsito por este enclave será incluído no itinerario da ruta de sendeirismo circular de Carreira no que se está a traballar, e que pasará tamén por outros lugares atractivos desta parroquia, como o lavadoiro de Pedrín, a capela de San Roque, a lagoa de Carregal ou o miradoiro de Pedra da Ra, entre outros.











