O Concello de Riveira pón en marcha a actuación que completará a dotación de saneamento ao lugar do Vilar
O Concello de Riveira informa do inicio esta semana dunha nova actuación no Vilar coa que se vai completar a dotación de saneamento a este lugar situado na parroquia de Carreira e que foi obxecto nos últimos anos de distintas accións encamiñadas á instalación deste servizo.
As obras están sendo acometidas pola empresa Lisardo Inversiones, S.L., por un importe de 160.294,83 euros, IVE incluído. O prazo de execución son tres meses.
827 metros de tubaxe
O proxecto técnico elaborado inclúe a instalación de 827 metros de tubaxe de PVC de 315 milímetros de diámetro co obxecto de recoller as augas dun total de trece vivendas.
Tamén se realizarán 31 pozos de rexistro e instalaranse dous metros de tubaxe de ferro fundido de 300 milímetros de diámetro.
A obra está adscrita ao canon de saneamento derivado da adxudicación do servizo de augas.











