O Concello de Riveira organiza visitas guiadas á exposición “Rubens, gravados”
Alumnos de segundo ciclo de ESO e de Bacharelato dos distintos centros de Educación Secundaria de Riveira van asistir nas próximas datas ao Centro Cultural Lustres Rivas co obxecto de visitar a exposición “Rubens, Gravados”, que se exhibe dende o pasado 13 de decembro.
O primeiro grupo en participar nesta serie de visitas guiadas pertence ao IES Leliadoura e o fará mañá venres a partir das 12.50 horas. A actividade, coordinada pola Concellería de Educación, durará uns 50 minutos e constará dunha presentación da figura de Rubens e a súa influenza artística, da análise de catro das obras presentes na exposición e dunha rolda de preguntas.
O vindeiro martes 28 de xaneiro visitarán o centro cultural alumnos do colexio Galaxia; o mércores 29, do colexio Bayón e do IES Número 1; e o xoves 30, dos colexios A Milagrosa de Oleiros e Galaxia. Tamén está prevista a asistencia do colexio Sagrado Corazón de Castiñeiras, se ben está prendente de concretar data de visita.
“Rubens, gravados” está composta por 45 obras nos que un conxunto de prestixiosos artistas de entre os século XVII e comezos do século XX reproducen algunhas das máis relevantes creacións do mestre da pintura flamenca Peter Paul Rubens (1577-1640).
A exposición provén dos fondos da Fundación Museo de Gravado, de Artes, e poderá ser visitada ata o 1 de febreiro de 2014. Estará aberta de luns a venres, de 10 a 14 horas e de 17 a 21 horas, e os sábados de 11 a 14 horas.











