O Concello de Porriño publica as bases para participar no Entroido 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O Concello de Porriño prepara a celebración do Entroido 2014. Desta maneira, a Concellaría de Festexos que dirixe M. Alejandro Lorenzo, anuncia que xa están publicadas (no BOP do 24 de xaneiro de 2014) as bases e a convocatoria para a concesión de premios a comparsas pola súa participación no entroido deste ano.

A inscrición deberá realizarse no centro cultural a partir do próximo martes, 11 de febreiro, con prazo até o martes 25 do mesmo mes, en horario de 09.00 a 15.30 horas, de luns a venres. As comparsas poderán participar na modalidade de infantil (até 12 anos) ou de adultos (de 13 anos en diante), e no caso de que estea integrada por compoñentes de todas as idades atenderase á idade da metade máis un do número total dos membros.

Os premios outorgados serán á participación en función do número de compoñentes da comparsa. Desta maneira, aquelas que teñan entre 10 e 19 compoñentes recibirán 300 euros, as de entres 20 e 39 500 euros, de 40 a 55 membros 800 euros e aquelas que estean compostas por máis de 56 persoas serán premiadas con 1.000 euros, até completar un orzamento máximo e sempre por rigorosa orde de inscrición. Estas cantidades poderanse ver incrementadas en 50 euros si presentan e cantan coplas.

As agrupacións inscritas deberán participar nos desfiles que se celebrarán o sábado día 1 de marzo, o martes de Entroido (4 de marzo) e o sábado de Piñata (8 de marzo).

Nas próximas semanas, o Concello de Porriño celebrará unha presentación pública da programación do Entroido 2014.

27 de xaneiro de 2014 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.