O Club Colombófilo Porriño é galardoado como o mellor club galego 2013
A punto está de comezar unha nova tempada para o Club Colombófilo Porriño e os bos resultados do pasado ano sitúano entre os mellores de Galicia e España desta modalidade. Neste sentido, o alcalde Nelson Santos e o concelleiro de Deportes, M. Alejandro Lorenzo, felicitan ao equipo, presidido por Alfonso Pozaco, polos éxitos logrados, desexándolle moitos máis logros e conquistas que a todos os porriñeses enorgullece.
Tamén a colombofilia forma parte da práctica deportiva de Porriño, un municipio no cal teñen cabida moitísimas modalidades desenvolvidas por diferentes clubs que contan co apoio do Concello. Neste caso, os integrantes do Club Colombófilo Porriño, fundado en 1999, dedícanse á cría e adestramento de pombas, non para levar mensaxes como se facía na antigüidade senón que agora este deporte céntrase en que “a pomba percorra un traxecto á maior velocidade posible, soltándoa nun determinado punto para que volva ao seu fogar”, explica Pozaco. E así é como o club porriñés alzouse con importantes premios tanto a nivel rexional como nacional, galardoado pola Federación Colombófila Galega como o mellor club galego 2013 e conseguindo ademais o ouro nas modalidades de “seguridade” e “marathon” e o segundo posto en “gran fondo”. Competindo a nivel nacional, os porriñeses conseguiron ser primeiros en “fondo”, terceiros en dous campionatos de “gran fondo”, sétimos na Copa S.A.R. O Príncipe e ocupar o posto doce no campionato de velocidade e medio fondo.
Agora, os integrantes do Club Colombófilo Porriño están inmersos na preparación da tempada que dará comezo no mes de febreiro cos primeiros adestramentos, comezando as competicións a partir de marzo.











