publicidade hoxe

O 7 de xaneiro comezan os traballos de posta en valor do xacemento arqueolóxico da Cruz do Castro, en Cotobade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobadeLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra iniciará o vindeiro martes os traballos de recuperación e posta en valor do xacemento arqueolóxico do alto da Cruz do Castro, na parroquia de Carballedo en Cotobade. Así llelo comunicou esta mañá a deputada Ana Isabel Vázquez ó rexedor local, Jorge Cubela, ós representantes da Comunidade de Montes de Carballedo, onde se asenta o xacemento, e ós membros da Asociación Canón de Pau, nunha xuntanza na que tamén participou Ángel Concheiro, o arqueólogo que dirixiu as tres escavacións realizadas no seu momento neste xacemento.

Os traballos son parte dunha iniciativa da Administración provincial para contribuír á conservación e ó aproveitamento turístico e cultural do patrimonio e que inclúe actuacións en 16 castros da provincia.

En Cotobade, un equipo integrado por un arqueólogo e 10 auxiliares de arqueoloxía desenvolveran tarefas de limpeza do xacemento e colocación de elementos de protección das estruturas, co obxectivo tanto de mellorar a súa conservación como de facelo visitable.

Trátase dun castro de gran relevancia histórica xa que tivo unha ocupación moi prolongada no tempo. Así, os datos permiten establecer que os seus primeiros poboadores se asentaron nel arredor dos séculos IV ou V antes de Cristo e mantivo poboación de forma continuada ata o século V despois de Cristo.

Dos numerosos achados atopados nel cobran especial importancia os materiais tardorromanos da contorna da muralla. O castro dispón de defensas e polo escavado ata o de agora pode deducirse que as cabanas eran maioritariamente realizadas en material perecedoiro e que o poboado se dedicou sobre todo a tarefas agrarias.

3 de xaneiro de 2014 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.