Mostra no Porriño sobre a vida e obra do compositor Reveriano Soutullo
O Círculo Recreativo e Cultural de Porriño acolle desde onte e até o día 2 de marzo a exposición itinerante “Reveriano Soutullo: unha vida para a música” promovida pola Deputación de Pontevedra e a Fundación Reveriano Soutullo. O alcalde Nelson Santos e a edil de Cultura Teresa Veloso asistiron ao acto de inauguración no que estiveron tamén presentes a deputada provincial Ana Isabel Vázquez, a neta da músico María Rosa Arija, o concelleiro de Cultura de Ponteares Andrés Sampedro, concelleiras do Goberno local e numerosos veciños interesados na temática.
“A través desta exposición seremos máis coñecedores da obra deste soado músico e compositor ponteareán, autor do tan famoso Pasodobre de Puenteareas no que canta á súa querida terra natal, o cal a todos emociona”, sinalaba Santos animando a todos os veciños de Porriño a que se acheguen e visiten esta exposición composta por paneis informativos e vitrinas con algunhas das partituras, libros, carteis e recortes de prensa e revistas, “unha boa mostra do gran legado de Reveriano Soutullo a pesar do seu curta pero intensa vida, a cal tamén estivo ligada ao pobo de Porriño, sendo moi amigo dos irmáns Palacios e do director da banda de Porriño Marcelino Giráldez”.
A mostra lembra a figura deste músico e compositor nado en Ponteareas o 11 de xuño de 1880 e considerado o compositor galego de maior fama internacional polo seu maxistral pasodobre con denominación de orixe xunto con tres obras do xénero lírico: A lenda do bico, A do Soto do Parral e O último romántico. Os paneis expostos na sala realizan un percorrido pola vida e obra de Reveriano Soutullo, dos cales fixo un resumo onte a súa neta destacando tanto a súa faceta de músico como de promotor da cultura fundando unha editorial. Na exposición tamén se poden apreciar textos de colaboradores como Javier Xurado, Xaime Estévez, Amado Ricón, Rosa Arija Soutullo, Pablo Abreu, Diego S. José, María del Carmen S. José e Afasto Amoedo, quen deleitou aos presentes cun repertorio de obras de Soutullo con arranxos propios para piano.











