Mariñas – Betanzos disporá de 2 millóns de euros para apoiar proxectos empresariais na comarca
O Grupo de Desenvolvemento Rural “Mariñas – Betanzos” actúa como entidade colaboradora na xestión do Programa LEADER. A Xunta de Galicia vén de confirmar a concesión de novos fondos para o presente ano 2014 e o vindeiro 2015. Na distribución de fondos primábase a eficacia do Grupo na xestión dos proxectos do Programa Leader polo que a Asociación Mariñas – Betanzos foi ben considerada na adxudicación de fondos. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) outorgou ao GDR Mariñas- Betanzos fondos por importe de 1.919.146,44 euros para as dúas anualidades 2014 e 2015 (862.260,91 euros para a anualidade 2014 e 1.056.885,53 euros para a anualidade 2015).
A 31 de decembro de 2013 o GDR Mariñas – Betanzos tiña 39 expedientes en reserva de concesión de fondos. Cando estes expedientes estean resoltos, o GDR poderá abrir un novo prazo de solicitudes. O presidente do GDR Mariñas – Betanzos, José Antonio Santiso, quere “animar a todos os emprendedores e empresarios do territorio con algunha idea de negocio, a que intenten facerse valer destas axudas para o desenvolvemento económico”.
O presidente indica que se poden informar na sede do Grupo, sita en Abegondo (San Marcos, Edificio Antiga Cámara Agraria 1ª planta) sobre os requisitos e procedemento deste programa. Santiso amósase moi satisfeito de que o GDR recibira esta nova inxección de fondos para a xeración de actividade económica na comarca. O alcalde abegondés considera “fundamental” o programa para promover o crecemento de servizos e o fomento do emprendemento. 149 proxectos
O Programa LEADER é un dos catro eixos estratéxicos do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 e ten como obxectivo principal impulsar a economía das zonas rurais diversificando as súas actividades e mellorar os seus servizos, así como a mellora da viabilidade dos sectores agrario e forestal, a defensa do medio ambiente e a diversificación da economía, contribuíndo ao aumento da calidade de vida no rural. Dende o ano 2010, coa axuda do Programa LEADER, constituíronse novas empresas de diferente índole no territorio de “Mariñas – Betanzos” (servizos turísticos, expenderías de leite, modernización de explotacións agrarias, carpinterías, instalación de novos produtos de horta, así como creáronse servizos non existentes nos núcleos de poboación como papelerías, perruquerías, almacéns de pinturas, subministro material agrícola, protésicos dentais, cadros eléctricos de distribución para sistemas industriais…).
Contribuíuse á creación e consolidación de emprego na comarca, creando 39,41 postos directos de traballo, ademais de contribuír ao mantemento de 440,90 empregos. As solicitudes de axuda recibidas na sede do GDR, durante estes anos foron 149. O ámbito de actuación de Mariñas – Betanzos comprende os concellos de Abegondo, Aranga, Arteixo, Betanzos, Bergondo, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Irixoa, Miño, Paderne, Oleiros, Oza-Cesuras e Sada.