Luis del Olmo descobre os atractivos turísticos de Riveira

Luis del Olmo na visita a Riveira
O reputado xornalista radiofónico Luis del Olmo tivo ocasión de coñecer na tarde de onte algúns dos atractivos turísticos máis salientables do municipio de Riveira.
A visita deste archicoñecido mestre das ondas tivo lugar da man da asociación de xornalistas de Galicia Exxpopress, que convidou a Del Olmo a pasar esta fin de semana na comarca de Barbanza para percorrer os seus moitos encantos.
Del Olmo e máis a súa muller foron recibidos a primeira hora da tarde na Casa Consistorial polo alcalde Manuel Ruiz, nun acto que tamén contou coa presenza do presidente de Exxpopress, Suso Souto, así como doutros membros da directiva desta entidade, ademais do director de TVE en Galicia, Xabier Fortes. O locutor, recentemente xubilado, foi agasallado co obsequio institucional do Concello consistente nunha réplica en cerámica do faro de Corrubedo.
Acto seguido, a expedición desprazouse ata o Monte da Cidá en Carreira para contemplar as impresionantes vistas que dende alí se divisan; e a continuación achegáronse ata a gran duna situada no parque natural.
Corrubedo
O faro e o porto de Corrubedo foron os últimos destinos dunha xornada que rematou cunha cea nun restaurante situado nesta turística parroquia.
No transcurso da estancia de Del Olmo en Riveira, foron numerosos os veciños e visitantes que quixeron achegarse para sacarse unha fotografía con el ou, simplemente, ter a oportunidade de saudalo e felicitalo pola súa traxectoria.











