publicidade hoxe

Calvo explica as liñas mestras do novo plan provincial extraordinario DTC93 en Sada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSada
A-
A+
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, reuniuse esta mañá na Casa do Concello co alcalde de Sada, Ernesto Anido, e outros membros da Corporación, para manter unha reunión de traballo e coñecer de primeira man as últimas demandas e as necesidades máis urxentes dos seus veciños.

Nese encontro, Calvo anunciou que a institución provincial colaborará coa achega de 165.364,14 euros nas obras coas que se mellorarán as condicións de evacuación, accesibilidade e atención á cidadanía do edificio de servizos administrativos da Casa do Concello. Con esta axuda, a Deputación asumira o 80% do custe total deste proxecto.

Ademais do anuncio, os dous mandatarios repasaron o resultado da colaboración entre o municipio e a provincia. Neste senso, Diego Calvo lembrou que, desde o ano 2012, a Deputación colaborou co municipio con axudas de máis de 1.770.000 euros tanto a través de subvencións como dos plans provinciais con criterios de reparto obxectivo.

É o caso do plan extraordinario DTC93, grazas ao cal Sada contará cunha achega de 168.121,82 euros. Será o concello o que decida onde destinar esta axuda, xa que este plan, dotado en toda a provincia con 18 millóns de euros, “é o máis flexible de todos os que existen nas deputacións galegas” tal como explicou Calvo.

“O obxectivo do DTC93 é colaborar no financiamento de investimentos e gastos máis urxentes dos nosos concellos. É dicir, queremos dar unha solución para cada un dos 93 diferentes problemas que teñen nestes momentos os municipios”, asegurou.

Ademais destas cantidades, o Concello de Sada, polo feito de ter delegado na institución provincial a xestión e recadación de moitos dos seus tributos municipais, beneficiouse no ano 2013 de anticipos líquidos de máis de 3,6 millóns de euros, á falta de recibir a liquidación definitiva do exercicio neste mesmo mes de xaneiro.

Antes de rematar o encontro, Calvo e Anido mostráronse moi satisfeitos do próximo paso de La Vuelta 2014 por Sada. Ambos mandatarios coincidiron en valorar moi positivamente a repercusión que este importante evento deportivo terá no municipio. “A promoción turística que se consegue dunha determinada zona co paso de La Vuelta é practicamente imposible de asumir de calquera outra forma”, explicou o presidente

15 de xaneiro de 2014 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.