publicidade hoxe

Aída Valiño e Gustavo Rodríguez proclámanse gañadores da segunda proba do Circuíto Galego de Duatlón Cross

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBearizDeportesDeportes Portada
A-
A+
Podio cos gañadores da proba

Podio cos gañadores da proba

Aída Valiño e Gustavo Rodríguez (ambos independentes, polo momento) cumpriron os prognósticos e lograron proclamarse hoxe campións do VI Duatlón Cross Concello de Beariz-1ª Copa Deputación de Ourense, que é a segunda proba do Circuíto Galego de Duatlón Cross.

Na proba masculina houbo moita competencia, pero Gustavo foi o máis rápido ao chegar a meta cun tempo de 1h46´39, mentres que segundo foi Marcos Mayo (Monte Abaixo) a pouco máis dun minuto (1h47´30). Ambos deportistas foron xuntos na bicicleta ata que na última volta, Gustavo logrou escaparse cuns 20 segundos, e na carreira a pe logrou aumentar esa distancia. Na terceira posición entrou Miguel Ángel Arias (Team Corbelo) cun tempo de 1h48´09. O gañador da primeira proba do circuíto, Brais Misa (licenza dun día) acabou na sexta posición.
Na categoría feminina, Aída Valiño (Independente) logrou, con moita facilidade, o triunfo na súa primeira proba da tempada (2h19´58), por diante de Verónica Montes (Trinity Tríatlon), que foi a gañadora do Duatlón Cross de Ribadumia. Ademais, hai que destacar que Priscila Suárez (Trinity Tríatlon) caeu na bicicleta e rompeu tres metacarpianos da man.

Os participantes correron cinco quilómetros, fixeron 21 quilómetros en bicicleta de montaña e remataron con 2,5 quilómetros a pe. A saída, boxes e meta estaban situados nos anexos ao pavillón municipal de Beariz. A proba celebrouse sen incidencias nun día moi frío aínda que con pouca chuvia.

O Circuíto Galego de Duatlón Cross está formado por cinco probas: Ribadumia, Beariz, Maside, Candeán e Samieira. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), xúnior (m/f), veterán (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. A pasada fin de semana celebrouse a proba de Ribadumia na que resultaron vencedores Brais Misa e Verónica Montes.

19 de xaneiro de 2014 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.