Aberto o prazo de presentación de ofertas para a execución do proxecto de reorientación do mercado municipal de Riveira
O Boletín Oficial da Provincia do día de hoxe recolle o inicio do prazo para a presentación de ofertas para a execución das obras do proxecto de reorientación e finalización do Novo Mercado Municipal de Riveira, unha actuación incluída dentro da iniciativa Riveira Atlántica, que está cofinanciada nun 70% con fondos europeos Feder.
As empresas interesadas contan cun prazo de 26 días naturais para presentar as súas ofertas, contados a partir de mañá. O lugar de presentación é o Rexistro Xeral do Concello de Riveira, sito na praza do Concello desta cidade.
O orzamento de licitación ascende a 2.984.599,23 euros, IVE incluído, e o prazo de execución é de 10 meses (rebaixables nas correspondentes propostas). O procedemento seguido é aberto con multiplicidade de criterios de adxudicación e tramitación ordinaria.
Tal e como se deu a coñecer o pasado venres, o novo proxecto mantén en liñas xerais a aparencia do edificio e os seus característicos pechamentos inclinados. As modificacións introducidas perseguen sobre todo acadar unha maior flexibilidade de uso das distintas plantas, ao tempo que dar ao inmoble unha concepción unitaria que favoreza as sinerxías entre as mesmas, evitando que algunha puidese quedar desocupada por posuír un menor atractivo comercial.
Un dos cambios máis significativos será que as escaleiras mecánicas chegarán ata a última planta . Ademais, oco que opera como lucernario interior mantén unhas medidas semellantes nas distintas plantas en lugar de irse reducindo gradualmente.
A planta baixa quedará ocupada polos praceiros actuais e a segunda albergará produtos complementarios a esta. En canto ao segundo e o terceiro andar, están pensados para os sectores de restauración e servizos. Ambas estarán totalmente acondicionadas (a diferencia do que acontecía no documento orixinal) e contarán con grandes aperturas para disfrutar das vistas.
Polo que respecta á cuberta do edificio, reforzouse a súa vocación como uso hostaleiro estacional ao estar deseñada como unha gran terraza de madeira rodeada por unha varanda de vidro que permite contemplar a beleza do entorno. Contará cunha pérgola e cunha zona de barra.











