Aberta a inscrición para a “Interrunning Piñeiro” en Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

Por oitavo ano consecutivo as rúas do centro de Porriño acollerán a carreira popular de atletismo Interrunning Piñeiro – Concello do Porriño. “Será o domingo día 2 de marzo cando se celebre un evento xa consolidado e referente no calendario do atletismo galego, no que se dan cita centos de deportistas profesionais e afeccionados”, anuncia o alcalde Nelson Santos, asegurando xa definitivamente a celebración da proba este ano tras facerse público en días atrás a posibilidade de que non puidese realizarse. Así, esta mesma tarde abriranse as inscricións que poderán realizarse a través da páxina web www.championchipnorte.com ou de maneira presencial nas tendas de Intersport Piñeiro de Porriño e Vigo, con prazo até o día 25 de febreiro.

“Este ano haberá importantes novidades que farán da Interrunnig unha carreira moito máis atractiva e espectacular que seguro atraerá a un gran número de corredores”, explica M. Alejandro Lorenzo, concelleiro de Deportes, e é que nesta edición non limitarase o número de participantes a 2.000 como se fixo en anteriores ocasións, “polo que contamos bater marca de participación xa que nas últimas edicións tivo que pecharse a inscrición antes de que finalizase o prazo ao chegar ao límite de participación”.

A colaboración do Concello de Porriño foi transcendental nesta edición, desde a organización Fredy Velasco asegura que “grazas a que o Concello involucrouse ao máximo púidose levar a cabo a oitava edición deste evento, pois sen a súa axuda non sería posible”. Ademais de non limitar a participación outra das novidades será o circuíto que, “no canto de ser de 3,3 quilómetros (dando tres voltas) será de 5 quilómetros (dúas voltas), tendo que facer igualmente os 10 quilómetros e respectando ademais as diferentes categorías”, explica Velasco. Neste sentido, tamén se cambiará o lugar da saída e da meta, “pois ao esperar a moitos máis participantes creuse oportuno trasladar este punto a unha zona máis espazosa como o é cale Domingo Bo, diante do centro cultural”, sinala o concelleiro de Deportes.

A Interrunning Piñeiro – Concello do Porriño será presentada oficialmente nas próximas semanas na Casa Consistorial.

27 de xaneiro de 2014 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.