A Policía Nacional de Riveira ratifica a súa intención de retomar a nova comisaría coa petición de prórroga na cesión dos terreos
O Concello vén de recibir un escrito no cal a Policía Nacional de Riveira solicita a concesión dunha prórroga dos terreos necesarios para a construción da nova Comisaría. O documento, presentado por rexistro o día 20 deste mes, indica expresamente que o Plan Director de Infraestruturas da Dirección Xeral da Policía (Subdirección Xeral de Loxística) contempla a construción dunha nova sede para a Comisaría Local de Riveira, “a desarrollar a partir del 2015”.
Con isto se confirma a intención do órgano dependente do Ministerio do Interior de retomar o vindeiro ano esta agardada actuación, tal como xa se lle avanzara ao alcalde Manuel Ruiz no pasado mes de outubro.
Pleno
A concesión da prórroga da cesión dos terreos, de 2.074 metros cadrados e situados en Fontán (O Touro), será un dos temas tratados no vindeiro pleno ordinario da Corporación, que terá lugar o vindeiro luns.
A este respecto, cómpre lembrar que os terreos en cuestión foron cedidos polo Concello segundo acordo plenario de maio de 2008, en tanto que en xullo de 2009 solicitouse licenza de obra para a execución das obras.
A construción das novas dependencias conta cun orzamento superior aos 3,5 millóns de euros. Segundo o proxecto técnico elaborado, o edificio constará dun total de catro plantas: planta soto, planta baixa e dúas plantas altas.
Entre outras dependencias, na planta baixa estarán situadas as oficinas de atención ao cidadán, DNI, estranxeiría e Grupo Local de Seguridade Cidadá; mentres que a planta primeira disporá dos correspondentes espazos para a policía científica, arquivo, grupo local de información, sala briefing, administración e xefatura, e o grupo operativo local.
Na planta segunda situarase a vivenda para o comisario, con tres dormitorios, salón e cociña. Rodeando a vivenda disporase dunha terraza perimetral con vistas á Ría de Arousa. Tamén haberá unha zona de sindicatos e usos múltiples.
Pola súa parte, a planta soto contará cunha galería de tiro e armería, así como un garaxe con oito prazas de aparcamento, zona de calabozos e vestiarios. Sobre a cuberta desta planta soto disporase á súa vez un aparcamento en superficie con outras 12 prazas nunha superficie aproximada de 415 metros cadrados.











