14 usuarios empregan as instalacións do centro de día de Sada no que se investiron 100.000 euros

Beatriz Mato na visita ao centro de día de Sada
Un total de 14 usuarios están xa a empregar as instalacións do novo centro de día de Sada, que abriu as súas portas hai escasamente un mes, e que irá completando a súa ocupación gradualmente.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe esta infraestrutura posta en marcha grazas á colaboración do Goberno autonómico co concello. De feito, as instalacións foron construídas polo concello, mentres que o equipamento correu a cargo da Consellería. O Consorcio investiu máis de 100.000 euros no mobiliario, a cociña e a lavandería, así como a habilitación da área terapéutica exterior para o fomento do envellecemento activo.
Na súa intervención, Mato indicou que se trata dun centro de día “harmonioso, sobresaínte en seguridade, pero á vez aberto á mobilidade e liberade das persoas usuarias, e que conta con materiais rigorosamente elixidos para persoas adultas”, ademais de contar con moitas posibilidades no exterior, cunha zona de ocio, outra ocupacional e unha última zona para actividades físicas.
O departamento autonómico incrementou en máis de 1.500 as prazas en centros de día en Galicia desde abril de 2009, o que supón un aumento de máis do 160% nos últimos catro anos. Só na provincia da Coruña tense creado máis do triple das que existían nesa data.
Programa integrado de emprego
Doutra banda, a conselleira destacou a importancia da colaboración cos concellos, tamén no eido laboral. Indicou que nesta localidade estase a desenvolver o programa integrado ‘Sada Actívate’ que brinda a 60 traballadores en situación de desemprego unha oportunidade para acadar a súa inserción laboral.
Trátase dun programa que durará sete meses e supón unha inversión de 84.000 euros por parte de Traballo. Céntrase na creación dun itinerario integral de integral de inserción para as persoas desempregadas, combinando accións como a información, a orientación, o asesoramento, a formación, a práctica laboral ou a intermediación coas empresas.
En total, en toda Galicia están en marcha 30 programas integrados para o emprego, tanto en colaboración cos concellos como con entidades, cun orzamento total de 2,5 millóns de euros, e que van contar con preto de 2.200 beneficiarios. Neste ano destinarase en total 5,4 millóns de euros a este fin, o que supón un 116% máis con respecto ao orzamento de 2013, un esforzo orzamentario que permitirá alcanzar a cifra de 4.500 beneficiarios, máis do dobre que os actuais.











