publicidade hoxe

Sada acollerá o Campionato Galego de Combate Taekwondo o domingo 8 de decembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaSada
A-
A+

Máis de cen deportistas, moitos deles medallistas estatais e internacionais, participarán no Campionato Galego Absoluto de Combate que se celebrará o domingo 8 de decembro en Sada. Este torneo é especialmente importante, xa que servirá para conformar a selección galega que participará no Campionato de España.

En total no Campionato Galego Absoluto competirán 25 clubs galegos, 103 deportistas, uns 30 árbitros e outros tantos adestradores. Ademais hai que destacar que a porcentaxe de participación na categoría feminina é moi similar a masculina (49 mulleres e 54 homes).

Poderemos gozar cun moi bo espectáculo neste campionato, xa que entre os inscritos están importantes deportistas, con medallas tanto a nivel nacional coma internacional como Laura Lorenzo (bronce no mundial universitario, campioa de España Universitaria), Katia Calvar (campioa de España universitaria e subcampioa de España sénior no 2012), Borja Ríos (bronce no mundial Universitario 2012) ou Juan Fernández (campión de España sénior 2012), entre outros moitos. Faltará Lúa Piñeiro, que se atopa concentrada nestes momentos no CAR de Barcelona, preparando a súa participación no Gran Prix de Manchester.

Así, haberá unha interesante competencia en moitos pesos, coma o lixeiro feminino con Katia Calvar (Mat´s) e Lara Ouviña (Natural Sport Riveira), ambas cun importante curriculum (campioas de España). O mesmo podemos dicir do lixeiro masculino no que están inscritos entre outros Raul Bouzas (Natural Sport Riveira), Serafín Martínez (Sares) ou o novísimo Xian Silva (Mace Sport); ou do peso mosca co veterán Miguel Ángel Cortegoso (Mace Sport) e Borja Ríos (Hebe), xunto a máis deportistas con aspiracións a dar a sorpresa.

A actividade comezará ás dez da mañá e finalizará a última hora da mañá. O magnífico nivel do taekwondo galego estará exposto neste campionato, xa que as e os deportistas buscarán no Galego a súa clasificación para o Campionato de España, que aínda non ten data.

5 de decembro de 2013 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.