publicidade hoxe

París de Noia, Panorama e Charleston Big Band estarán mañá sábado no Closing Tour en Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalSilleda
A-
A+
Closing Tour en Silleda

Closing Tour en Silleda

A Feira Internacional de Galicia celebrará mañá a segunda edición do seu festival de orquestras, o Closing Tour 2013, o cal reunirá no pavillón 1 do recinto feiral a tres das mellores agrupacións do panorama galego, como son París de Noia, Panorama e Charleston Big Band. Estas foron as máis puntuadas polos usuarios da web do evento dende xaneiro e ata outubro, nunha votación coa que a organización quixo deseñar unha edición o máis próxima posible aos gustos do público.

Estas orquestras estarán acompañadas do artista cubano Dkuba, o cal acaba de gravar o seu quinto disco, conseguindo situarse con algunha das súas creacións nos primeiros postos das principais radios de Venezuela e Bolivia e acomodarse no top 20 das listas de música tropical de EUA No Closing Tour 2013 interpretará algúns dos seus temas máis exitosos, como “Isto é Pa ´ ti ” ou “Ao tolo”.

O Closing Tour 2013 comezará ás 21.00 horas, levándose a cabo un primeiro pase de 1 hora e 45 minutos por parte de cada orquestra e un segundo de 1 hora e 15 minutos. Deste modo os asistentes gozarán de máis de 9 horas de música.

O formato do festival, o seu deseño contando co público, o emprego por parte das orquestras dos seus propios escenarios e a súa situación nun pavillón completamente climatizado e con servizo de restauración, converten o Closing Tour nun evento único na comunidade, que pretende consolidarse como cita obrigada tanto para os fans das orquestras coma para todos os afeccionados a este tipo de música.

As entradas para asistir ao Closing Tour 2013 pódense adquirir de forma anticipada ata mañá ás 12:00 horas na web Servinova (taquilla.servinova.com) e ata ás 14:00 horas no establecemento hostaleiro O Refuxio, de Silleda (Rúa da Estación, n.º 24), e na Panadaría Bouzada, de Lalín (Rúa D, n.º 24). Xa no propio evento poden comprar en despacho a partir das 19:00 horas.

Os nenos menores de 12 anos poderán entrar de forma gratuíta (acompañados dun adulto), sendo libre o acceso ao aparcadoiro do recinto.

Premios aos seguidores

Co obxectivo de agasallar os seguidores do evento, o Closing Tour sorteou entre os fans da súa páxina de facebook 30 entradas. Para conseguilas tiveron que responder a adiviñanzas, preguntas e xeroglíficos musicais.

As orquestras participantes, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e algúns medios de comunicación especializados tamén realizaron sorteos.

Novidades en repertorio e compoñentes

A maioría das orquestras participantes escolleron o Closing Tour 2013 para dar a coñecer novos compoñentes e parte dos seus repertorios para 2014.

Así, París de Noia presentará aos asistentes un novo cantante, un trompetista e un dos bailarins que formará parte doutra das novidades da nova xira, unha parella de baile que se incorporará aos seus espectáculos. Tras un descanso de mes e medio a súa actuación supoñerá unha das primeiras da súa nova tempada. En canto a Charleston Big Band, tamén estará de estrea no Closing Tour, presentando un guitarrista e un pianista, e algunhas das cancións do seu novo repertorio, como “María Lola”.

Pola súa banda, Panorama non comeza xira, senón que tras unha semana de descanso emprende a recta final do seu tour 2013. Será a orquestra que acompañe a Dkuba na interpretación que este cantante fará dalgunhas das súas cancións máis coñecidas.

6 de decembro de 2013 | 14:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.