O Plan Integrado de Emprego do Porriño beneficiará a un total de 80 desempregados

Bravo Bosh na visita ao Plan Integrado de Emprego
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, comprobou esta mañá, acompañada do alcalde da localidade do Porriño, Nelson Santos, e o concelleiro de Emprego, Alejandro Lorenzo, o desenvolvemento do Plan Integrado de emprego do Concello de Porriño- PIEP VIII, no que a Consellería de Traballo e Benestar achega unha subvención de 48.000 euros sobre un custe total de 74.661, e que hai uns días comezou a formar a un total de 80 persoas desempregadas.
Este programa subvencionado pola Xunta de Galicia ofrece formación en especialidades tales como administración, atención sociosanitaria, construción e proxectos de edificación, dependentes, farmacia e laboratorio ou hostalería entre outras.
Estes programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego contemplan a posta en marcha de plans integrais que combinen accións de diversa natureza, tales como información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral, prospección de empresas e intermediación laboral, mobilidade xeográfica, e neles establécense uns obxectivos cuantitativos previstos de inserción laboral das persoas participantes neles.
A finalidade última dos programas integrados para o emprego é a de posibilitar a integración laboral de persoas demandantes con dificultades para acceder a unha ocupación no mercado laboral, o que xustifica o apoio a estas accións mediante a achega de financiamento público.
En total, en Galicia vanse poñer en marcha 30 programas deste tipo, grazas a un orzamento de 2,5 millóns de euros que permitirán chegar a 2.200 persoas.
En 2014, esta aposta reforzarase xa que se destinarán a estes plans un total de 4 millóns de euros, o que supón un aumento do 60 por cento con respecto ao consignado este ano para o mesmo fin.











