O Instituto Xeográfico Nacional determinará os lindes entre Mos e Porriño na zona do Cristo de Belén
A Comisión de Deslinde entre Mos e Porriño reuniuse esta mañá na zona da rotonda do Cristo de Belén para dilucidar por onde transcorren os límites concretos entre ambos municipios neste lugar. No encontro estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Facenda e Patrimonio mosense, Óscar Soto, a concelleira natural da parroquia de Pereiras -á que pertence a zona do Cristo de Belén, obxecto do deslinde- Kely Monzón, representantes dos outros dous grupos políticos da Corporación Municipal mosense, -Tomás García Morgadas polo PSOE e Miguel Anxo Aldea Moscoso, voceiro do BNG-; e Marcelino Coto, edil de Urbanismo do Concello do Porriño, xunto cos secretarios municipais e técnicos municipais de Urbanismo de ambas localidades, así coma representantes veciñais dos dous Concellos.
O proceso de deslinde entre Mos e Porriño consta de tres partes fronteirizas a demarcar: Carracido, As Angustias e a zona do Cristo de Belén hoxe abordada. Segundo informaron a rexedora local mosense e demais representantes municipais, durante a reunión desta mañá tratouse de iniciar o procedemento de deslinde nun punto no que ambos Concellos estivesen dacordo para proceder logo a recoller as diverxencias entre ambos municipios. Recurriuse tamén á intervención de persoas maiores do lugar, veciños dos dous Concellos implicados, para contribuír a dilucidar as dúbidas que puidesen ir aparecendo.
Tras examinar in situ a zona, tal e como explica a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, as discrepancias surxidas entre ambas administracións locais respecto dos lindes no lugar do Cristo de Belén concluiron no fin da reunión da Comisión sen que se puidese chegar a ningún acordo. Deste xeito cada Concello levantará a súa propia acta, por separado, sobre esta reunión; e o seguinte paso cara o deslinde entre os municipios de Mos e Porriño na zona do Cristo de Belén será que se persoe o Instituto Xeográfico Nacional no lugar e que sea o organismo estatal o que dictamine o límite real e efectivo.
Próximamente no Concello de Mos celebrarase unha nova reunión cos veciños de Pereiras membros da Comisión de Deslinde con Porriño na que estes aportarán documentación a maiores, tal como cartografías e arquivos datados nos anos 1884 e 1975, etc., para proceder á súa incorporación ó expediente de deslinde e logo remitirlle todo o dossier informativo ó Instituto Xeográfico Nacional que terá que ser, finalmente e en última instancia, quen delimite os lindes entre Mos e Porriño na zona do Cristo de Belén.











