Natural Sport de Riveira consegue, por sétimo ano consecutivo, o Campionato de España de Clubs
O Natural Sport Videlgi de Riveira logrou esta fin de semana en Marina D´Or o título de campión de España de combate, por sétimo ano consecutivo. Foi un torneo esgotador, intensivo, cunha xornada de 18 horas no pavillón, pero ao final os clubs galegos lograron magníficos resultados e conseguiron un gran botín en medallas e o título do Natural Sport. Ademais, hai que destacar que Patiño Moaña en cadete feminino, proclamouse subcampión de España, e o Maniotas tamén foi segundo en cadete masculino. Outros dous clubs galegos no podio.
O campionato de España comezou coa categoría cadete o sábado pola mañá e os clubs galegos acadaron moi bos resultados. Un total de nove medallas (tres ouros, tres pratas e tres bronces). Ademais, o Patiño Moaña foi o subcampión de España en cadete feminino, mentres que o Maniotas logrou tamén a segunda posición en cadete masculino.
A nivel particular destacar que na categoría masculino, houbo unha final galega con representantes do Maniotas en -65 quilogramos. O ouro foi para Adrián Pombo, mentres que o seu compañeiro Javier Martínez foi prata. Ademais houbo unha prata (Nicolás Argibay, do Taekanart, en -57) e un bronce galego: Antón Romero (Natural Sada) en -33.
Na categoría cadete feminina, as galegas lograron dous ouros. Myriam García (Patiño) logrou o título no pesado, mentres que Pilar Rodríguez (Natural Sport de Riveira) acadou o primeiro posto en -59. Ademais, Sandra Rodríguez (Garrapucho) conseguiu a medalla de prata en -47 quilogramos, mentres que os bronces foron para Sabela García (Patiño) en -55 e Elena Casanova (Escola Lucense de Taekwondo) en +59.
Sénior. Para a sesión de tarde estaba previsto a celebración do campionato na categoría sénior, aínda que comezou con varias horas de retraso e finalizou ás dúas da madrugada. A pesar das horas de espera no pavillón e o desgaste que iso supón, os galegos volveron a responder a un gran nivel con varias medallas e unha final galega.
Na categoría feminina vivimos unha gran final en -67 quilogramos entre Laura Centoira (Kwon) e Lúa Piñeiro (Natural Sport). Laura tivera que deixar no camiño a Raquel Menéndez (varias veces campioa de España) e Lúa chegou ata a final gañando os seus combates con moita autoridade. Así a final presentábase moi intensa e non decepcionou en absoluto. No terceiro asalto ía por diante Laura, pero nos instantes finais Lúa alcanzou á súa rival cun patada á cabeza que a poñía por diante e lle daba o título (7-8). Pero o técnico de Centoira pediu o vídeo replay e os árbitros anularon esta acción e finalmente o título foi para Laura Centoira e a prata para Lúa.
Tamén houbo dous bronces galegos femininos que foron para Lara Ouviña (Natural Sport Riveira) en -62 e Lucía Ferrari (Patiño Moaña, -57).
Na categoría masculina, magníficos resultados para o Natural Sport, que foron os que lle outorgaron o título de campión de España de clubs en sénior masculino. Hai que destacar o ouro de Raúl Bouzas (-74) xa que disputou a final lesionado nun pe e con problemas de mobilidade. Aínda así, cun traballo táctico espectacular e sufrindo moito, logrou impoñerse a Leandro Jurado e acadar o título de campión de España. Ademais, Miguel Martínez (Natural Sport Riveira) logrou a medalla de prata en -54 e houbo tres bronces tamén para o Natural: Pablo Carou (-54), Francisco Sieira (-87) e José Real (-87).











