publicidade hoxe

Finalizan os traballos de instalación de paneis solares no polígono Área 33 de Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraSilleda
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o remate das obras de instalación de paneis solares no polígono empresarial Área 33 de Silleda, acompañado polo alcalde do municipio, Manuel Cuíña, o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial e o concelleiro do PP, Luis Arceo.

O Concello de Silleda foi un dos beneficiarios das axudas concedidas pola Consellería de Economía e Industria ao abeiro da Orde do 2 de maio deste ano que ten, como obxectivo, a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

En concreto, no caso do polígono Área 33, destináronse case 120.000 euros (95.500 dos cales foron aportados pola Consellería de Economía e Industria, é dicir, o 80%) para a instalación dun sistema de placas solares fotovoltaicas que permitirán o autoabastecemento da iluminación exterior, “o que supón un importante aforro a nivel enerxético”, explicou Cores Tourís.

Segundo explicou Cores Tourís, a proposta achegada polo Concello de Silleda para optar a esta subvención recollía unha actuación integral de eficiencia enerxética na iluminación pública do polígono mediante a instalación dun campo de paneis solares fotovoltaicos que, xunto cos necesarios equipamentos como acumuladores ou inversores, provean a enerxía que o alumeado necesita para funcionar durante a noite, permitindo acadar un balance enerxético positivo e contribuíndo así a redución da dependencia enerxética do Concello.

Para acadar este balance enerxético a nova instalación permitirá verter á rede a enerxía sobrante xerada nos períodos de máxima produción. Ao anterior hai que sumar a implantación dun sistema de xestión da iluminación e proteccións eléctricas.

As obras executadas permitiron a substitución dos balastros electromagnéticos existentes por outros de tipo electrónico de potencia regulable, pasando de 150W a 100W e incrementando a súa eficiencia por riba do 95%. “A combinación cun sistema de telexestión permitirá, ademais, regular o nivel de iluminación para adecualo ás necesidade reais de iluminación en función da hora da noite ou do nivel de iluminación exterior, aplicando así a luz xusta no momento xusto e evitando o excesivo consumo das instalacións de alumeado de madrugada”, explicou pola súa banda o alcalde da localidade, Manuel Cuíña. O polígono de Área 33 conta con 75 empresas e unha superficie de máis de 343.000 metros cadrados.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou para destacar que “nos parques empresariais e as infraestruturas de solo empresarial van aparecendo, como neste caso de Silleda, determinadas carencias de infraestruturas e novas necesidades en materia enerxética ou de adecuación ás exixencias de normas posteriores á súa creación e de servizos comúns de carácter xeral que lles permitan unha actualización permanente fronte aos seus competidores”.

Esta é a razón pola que a instalación destes novos paneis solares “permitirá dar unha solución enerxética a iluminación exterior do polígono, reducindo a dependencia das redes convencionais de distribución de enerxía eléctrica da iluminación do polígono ata nun 85% e permitindo dispoñer dunha iluminación de seguridade cun alto grao de uniformidade, o que evitará ter que apagar os puntos de luz pola noite para aforrar”.

Cores Tourís rematou asegurando que o investimento destinado a proxectos para a habilitación e melloras de parques empresarias da provincia superou o 1,2 millóns de euros (4,3 millóns para toda a Comunidade Autónoma) dos que 837.000 euros serán achegados en concepto de axuda pola Xunta de Galicia, “é dicir, o 80% do total”, explicou Cores Tourís.

18 de decembro de 2013 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.