publicidade hoxe

Finaliza con éxito o simulacro entre Mos e O Porriño do plan de emerxencia exterior de Syngenta Agro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMosO PorriñoPontevedra
A-
A+
Instante do simulacro

Instante do simulacro

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe ao simulacro do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) de Syngenta Agro, que se desenvolveu con éxito nas instalacións que ten a factoría nos termos municipais de O Porriño e Mos. 

O vicepresidente da Xunta salientou a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso de un incidente. Así mesmo destacou a necesidade dunha coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.

Boa mostra deste traballo conxunto, foi a presenza durante o exercicio a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, así como dos alcaldes do Porriño e Mos, Nelson Santos e Nidia Arévalo; e o

director da planta de Syngenta, Arturo Astray. O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, foi o encargado de dirixir todo o dispositivo.

Desenvolvemento do simulacro

O exercicio desta mañá consistiu nun incendio duns palés de madeira orixinado polo derrame dun bidón de metil. O accidente provocou unha nube tóxica no interior da empresa e na zona do lugar de Campo Eiro, que se saldou cunha persoa queimada e outra intoxicada dentro da industria e unha persoa cunha crise de ansiedade no exterior.

No decurso do simulacro accionouse a serea de aviso á poboación coa finalidade de que os veciños da zona se familiaricen co seu son e sexan capaces de identificalo no caso hipotético de activación do plan.

De xeito inmediato, a empresa activa o seu Plan de Emerxencia coa participación da súa brigada de intervención e dos efectivos de bombeiros do Porriño. Tamén participaron no exercicio axentes da Garda Civil, da Policía Autonómica de Pontevedra, da Policía Local  e de voluntarios de Protección Civil do Porriño e de Mos.

Ademais, o operativo desta maña contou coa participación de persoal sanitario do 061, a Área de Xestión Integrada de Vigo e o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE). En total mobilizáronse unhas 80 persoas traballadores da empresa Syngenta máis todo o persoal externo que participou a maiores.

Campaña informativa

Como paso previo a este exercicio de simulacro, a Xunta de Galicia e os concellos de Porriño e Mos iniciaron hai unhas semanas unha campaña de información sobre o PEE de Syngenta Agro. A tal fin, leváronse a cabo sesións informativas nos colexios e nas ANPAs da zona, en centros sanitarios e en garderías, entre outros. Tamén se realizaron charlas con responsables de distintos colectivos e asociacións da área de influencia da factoría e distribuíronse folletos informativos coas pautas a seguir para cada situación concreta.

Aposta pola prevención

Desde a Xunta de Galicia quérese destacar a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias. Os plans de emerxencias teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das instalacións industrias e ter preparada a resposta axeitada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente.

As normativas europea (directiva SEVESO) e estatal obrigan ás administracións públicas a elaborar e implantar planes de emerxencia nas instalacións que almacenan determinados produtos químicos a partir de certas cantidades umbrais.

Precisamente atendendo a esta esixencia, a Xunta de Galicia está a levar a cabo campañas de implantación de plans de emerxencias en todo o territorio da Comunidade Autónoma, como vén de facer no Polígono da Grela-Bens, onde o pasado 5 de novembro realizouse con éxito un complexo simulacro.

13 de decembro de 2013 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.