Carmiña Moda, Floristería Carmiña e Óptica Silva gañadores do XIV Concurso de Escaparates de Nadal
O Concurso de Escaparates de Nadal organizado pola Concellería de Comercio de Silleda, que dirixe Luis Rodríguez, vén de pechar unha nova edición co fallo dos premios. O xurado reuniuse o pasado venres para emitir a resolución do certame, no que participaron un total de 49 establecementos (43 de Silleda e 6 da Bandeira).
O primeiro premio, outorgado polo Concello de Silleda, e dotado con 200 euros e diploma, ademais de unha estancia dunha noite para 2 persoas, en réxime de aloxamento e almorzo, con disposición do Clube Termal, por xentileza do Hotel Vía Argentum de Silleda,( que abrirá as súas portas en Silleda o vindeiro mes de marzo), é para Carmiña Moda.
O segundo premio, para o escaparate máis orixinal e innovador, é para Floristería Carmiña.Está dotado con 150 euros máis diploma, outorgado por Espina y Delfín. Tamén por xentileza do Hotel Vía Argentum, de catro estrelas, o establecemento gañador recibirá unha cea para dúas persoas.
O terceiro premio, para o escaparate máis comercial con exposición do produto, recaeu en Óptica Silva, de Silleda. Este premio está outorgado pola asociación ECOS. Está dotado con 100 euros e un acceso para dúas persoas ao circuito termal do Hotel Vía Argentum.
O xurado estivo presidido polo concelleiro de Comercio, Luis Rodríguez Vázquez, e integrado pola presidenta de ECOS, Fátima Costoya, e por un grupo de estudantes do Ciclo Superior de Comercio e Marquetin do IES Pintor Colmeiro, que por primeira vez participaron no xurado. Así, estiveron presentes no equipo Olaia Framiñán González, Patricia Pampín Rodríguez, Noelia Alvela García, e Maria Belén Vilariño Torreira. Actuou como coordinadora Helena González Lois, profesora do Ciclo. Como secretario do xurado participou o traballador municipal Alfredo Abeledo.
Novidade: mencións especiais
Así mesmo, e como novidade nesta edición do concurso, o xurado acordou por unanimidade conceder mencións especiais á orixinalidade, innovación e traballo a dous establecementos máis: a Eyo Flor, destacando o lateral esquerdo e a parte superior do escaparate, e á Casiña dos Contos, da Bandeira, cunha felicitación na porta, árbore feita de libros antitos e a disposición e elección dos libros expostos.
Os escaparates premiados serán identificados cuns carteis que indicarán o premio que lles foi concedido e que xa foron entregados esta mañá polo concelleiro de Comercio Luis Rodríguez.
Os premios, tal e como recollen as bases serán entregados o vindeiro día 5 de xaneiro na Casa da Cultura no acto de recepción das Súas Maxestades os Reis Magos e na súa presenza.
Luis Rodríguez felicita aos gañadores e a todos os comercios participantes polo esforzo realizado. “A pesares da crise, temos que agradecer a elevada participación do sector, xa que o número de participantes está na liña de edicións anteriores superando incluso a o de outras edicións”, sinala.
Rodríguez destaca a inventiva e imaxinación amosada así como o esforzo e compromiso dos comerciantes que van mudando os seus escaparates segundo a época do ano. Así mesmo tamén quere facer público o agradecemento da Concellería de Comercio do Concello de Silleda ao Xurado Calificador do IES Pintor Colmeiro, “que puxeron todo o seu saber e crítica rigurosa na análixe dos escaparates”, engade destacando que todas as propostas “foron analizadas de xeito pormenorizado”
Así mesmo, o concelleiro quere amosarar o seu agradecedecemento ás empresas e entidades colaboradora (Espina y Delfín, Vía Argentum e ECOS) , que xa son o aval da celebración deste concurso que vén de cumprir 14 anos.