Os oficios artesanais chegan aos cativos silledenses da man de “Enredando, artesanía na escola”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Visita a Silleda de "Enredando, artesanía na escola"

Visita a Silleda de “Enredando, artesanía na escola”

A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, continúa hoxe no CEIP de Silleda (Pontevedra) co proxecto Enredando, artesanía na escola co fin de achegar aos estudantes o traballo dos profesionais da artesanía galega.

O proxecto, que visitará o vindeiro luns 2 de decembro o CPI de Rodeiro e o CEIP Varela Buxán de Lalín, permite ao alumnado coñecer de preto as tarefas diarias do sector artesán a través da organización de demostracións nos colexios, visitas aos obradoiros e outras actividades transversais aos programas educativos.

Os obxectivos principais desta actividade son concienciar á sociedade do valor do produto feito á man así como presentarlle aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral; incidindo así no relevo xeracional nos oficios máis tradicionais, promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.

Enredando, artesanía na escola é un proxecto enfocado a educación infantil, primaria e secundaria de diferentes colexios da nosa comunidade. Ao longo do curso 2013/2014 presentarase a segunda fase da unidade didáctica O Gremio da seda, orientada a explicar, dun xeito práctico, como é o proceso de obtención da seda.

Deste xeito, o alumnado poderá coñecer e participar no proceso de produción da seda, dende a cría e evolución dos vermes ata a extracción desta para a confección do fío e a elaboración das teas empregando os teares. A execución do proxecto contará coa supervisión dun artesán.

25 de novembro de 2013 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.