O programa de dinamización lingüística volta a Silleda con “Os Axóuxeres”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSilleda
A-
A+

O programa de dinamización lingüística para os máis cativ@s, Os Axóuxeres, volverá a chegar a Silleda. A cita será o vindeiro venres día 6 de decembro na Casa da Xuventude, ás 12.30 horas.

A compañía Caramuxo Teatro, pioneira en Galicia do teatro para bebés, é a protagonista este ano da iniciativa, con música e diversión para os nenos e nenas menores de 6 anos.  O encontro, de  aproximadamente 35 minutos de duración, foi creado para ofrecer aos máis pequenos da casa un espazo no que descubrir e abrirse camiño no mundo en galego. Na obra cóntanse diferentes historias adaptadas aos pequenos e implicando ao público.

A entrada é de balde, pero hai que facer reserva previa ata completar a capacidade. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse previamente chamando (a partir do próximo luns día 2) ao número de teléfono 610 641 570, en horario de 10.00 a 14.00 horas.

“Con este espectáculo que chega a través da Rede de Dinamización Lingüística, da que forma parte Silleda, agardamos renovar o éxito que o programa Axóuxeres tivo o pasado ano no noso municipio, achegando aos máis pequenos á nosa lingua”, sinala a concelleira de Cultura e Normalización Lingüística, Margarita Campos.

29 de novembro de 2013 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.