publicidade hoxe

O espectáculo de ‘Os Axóuxeres’ chegará a Vilalba, a Mos e ao Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMosO PorriñoVilalba
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, continúa a despregar os “Encontros dos Axóuxeres” en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Esta fin de semana, a iniciativa destinada a familias con fillos menores de seis anos levará a música, o teatro e os monicreques en galego a Vilalba, a Mos e ao Porriño para promover o uso do idioma e a súa transmisión interxeracional.

A inscrición previa telefónica xa está aberta para estas localidades, desde hoxe e ata o venres, en horario de 10:00-14:00 horas, no número 610 641 570. A entrada é de balde ata completar a capacidade das salas e cada inscrición inclúe un neno/a cun acompañante adulto.

Casas de moitos lugares

A palabra, o teatro e a música en directo cobran protagonismo nesta proposta de lecer, ideada para o desfrute da xente miúda da casa e tamén para que os máis pequenos se abran ao coñecemento do mundo en galego desde unha experiencia lúdica e divertida. A nova edición do programa, que xa é a sexta, chega da man de Caramuxo Teatro, compañía pioneira no teatro para bebés en Galicia.

“Os Axóuxeres” contan a historia dunha pequena aldea que, ante a chegada de novos veciños e novas casas, se acaba por converter nunha cidade na que viven personaxes tan singulares como a florista Hortensia, o equilibrista Telmo, a cantante de ópera Arabela, o vello mariñeiro Antón ou Marcelina e a súa gata Rita, que visita aos protagonistas á hora da merenda.

A peza toma como punto de partida o coñecemento de todo o que nos rodea, tan característico das idades máis temperás. A partir da curiosidade dos nenos por saber quen son os novos habitantes da aldea, e empregando o elemento sorpresa, fálase dos cambios que vivimos acotío na vida e no contorno. Preguntarse quen será ese novo veciño diferente e descubrir o seu mundo pode ser unha canle a novas experiencias e novas aprendizaxes da vida.

Vilalba, Mos e O Porriño esta fin de semana

Os “Encontros dos Axóuxeres” farán parada durante a vindeira fin de semana en tres municipios da RDL. Vilalba será o primeiro en acoller a actividade este sábado, cun pase no Centro Cultural Recreativo, ás 18:30 horas. O domingo, as localidades anfitrioas serán Mos e O Porriño. Na primeira delas poderase gozar no Multiúsos das Pozas ás 12:00 horas. Xa á tarde, no Porriño, o teatro, a música e os monicreques dos “Axóuxeres” chegarán ao Círculo Cultural e Recreativo, ás 18:30 horas.

Desde esta mañá está aberta a inscrición, para cativos menores de seis anos con acompañante, nestes tres pases previstos para a fin de semana en Vilalba, en Mos e no Porriño.

Músicas para seguir cantando na casa

Ademais do teatro e dos monicreques, a música en directo centra a nova edición dos “Axóuxeres”. O repertorio do espectáculo intégrano cinco cancións creadas especialmente para a xente miúda da casa, tocadas ao longo do espectáculo polos músicos Álex Fente, Fernando Román e Suso Jalda, e cantadas polo elenco artístico de Caramuxo Teatro, Laura Sarasola e Juan Rodríguez.

“O equilibrista” conta a historia de Telmo, un artista circense que, ao chegar a noite, pasea sobre un fino arame que atravesa as casiñas da aldea. Os instrumentos musicais presentes na actividade –trompa, clarinete e acordeón- son tamén protagonistas da “Canción da música” e de “O axóuxere de Rita”, a canción-homenaxe á gatiña da veciña Marcelina.

Os cambios na aldea e na vida cotiá reflíctense en “Teño unha casiña grande” e en “A chegada das casas”, composicións que describen o fogar dos protagonistas e a evolución da aldea a cidade.

Os materiais descargables, o calendario completo e toda a información sobre “Os Axóuxeres” pódense consultar en www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2013, desde onde tamén se pode participar no sorteo de 15 lotes de produtos de lecer en galego pensados para a xente miúda da casa.

11 de novembro de 2013 | 20:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.