O cambio de ventás e a reparación de goteiras priorizarán as melloras a executar no Ceip de Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSilleda
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo un encontro de traballo coa directora do CEIP de Silleda, Silvia Peña, así como coa concelleira de Educación da localidade, Pilar Peón, e os concelleiros do PP deste municipio, José Luis Espiño e Luis Arceo.

Nesta reunión, convocada a solicitude do portavoz popular, estiveron presentes tamén o xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, así como representantes da Unidade Técnica da Xefatura Territorial e o inspector do centro.

Durante o encontro analizouse o ante proxecto de execución da cuberta do patio de recreo do centro enviado dende o concello de Silleda á Xefatura Territorial con data do pasado 3 de xullo.

Segundo os representantes da Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Educación, este ante proxecto tiña un custo de algo máis de 100.000 euros, que aumentaría ata os 120.000 tendo en conta que necesitaba varias melloras na súa redacción.

“Este elevado custo levounos a solicitar ao concello de Silleda a súa colaboración económica ao 50% para a execución destes traballos, xa que non se poden calificar de prioritarios”, explicou Pérez Ares.

A concelleira de Educación de Silleda deixou claro que era “inviable debido a situación económica do concello” asumir o custo que suporía afrontar a metade da obra.

Esta situación traduciuse na priorización das obras máis necesarias para este centro. Deste xeito, a administración autonómica executará para o próximo ano melloras para reparar os puntos onde se detectaron goteiras na cuberta do centro así como a segunda fase do cambio de ventanais, de cara a aforrar enerxía.

A Unidade Técnica da Xefatura Territorial de Cultura e Educación executará agora un informe para valorar técnica e economicamente o custo destes traballos. “Unha vez que o teñamos sobre a mesa volveremos a reunirnos co concello e a comunidade educativa”, asegurou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra.

José Manuel Cores Tourís recordou ante a responsable do concello de Silleda que será necesaria tamén para a execución destas obras a colaboración do municipio. “Non estamos a demandar nada que non se solicite ao resto de concellos. A colaboración entre administracións está a permitir que se poñan en marcha moitas obras de mellora e reforma de centros educativos nesta época de crise”, engadiu o responsable territorial.
 

11 de novembro de 2013 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.