A Xunta da Lonxa Ibérica do Coello reúnese na Feira Internacional de Galicia para tratar temas relativos ao sector
A Xunta da Lonxa Ibérica do Coello, administrada e coordinada pola Central Agropecuaria de Galicia, reúnese mañá nas oficinas da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, para tratar distintos temas relativos ao sector e á entidade, ademais de fixar o prezo para a semana 49.
Ao encontro acudirán 11 membros da Lonxa Ibérica que representan á produción e á industria das lonxas de Madrid, Zaragoza, Galicia e Bellpuig e ao sector de Portugal. Estes estarán acompañados polo presidente das Mesas de Prezos da Central Agropecuaria de Galicia, Eliseo Miguélez Díaz, funcionario da Consellería do Medio Rural e do Mar e especialista na área de comercialización.
Esta reunión encádrase nos encontros físicos que se levan a cabo periodicamente en distintos lugares relacionados coa Lonxa Ibérica (a última celebrouse o 24 do mes pasado en Ponte de Lima, Portugal), aínda que é Madrid o lugar máis habitual para a súa realización por facilidades de comunicación. Nestas reunións, ademais de fixar prezos, abórdanse outros temas sectoriais de interese.
Prezos obxectivos e precisos
A Lonxa Ibérica do Coello, a cal comezou a funcionar en 2010, está concibida como unha lonxa cunícola virtual que permite reunir aos principais axentes do sector (produtores, industria e comercializadores) de España e Portugal. Desenvolve a súa actividade principalmente a través de internet co obxectivo de, obtendo a maior información posible do mercado, facer un seguimento e establecer unha tendencia de prezos obxectiva e precisa en animal vivo.
A Lonxa recompila os datos reais e contrastables da situación do mercado, os cales, tras un tratamento matemático, serven para propoñer un prezo do coello na semana correspondente. Este é debatido polos seus integrantes, os cales, de non chegar a un acordo, establecen a cifra proposta polo programa.
Os datos reais de mercado que recompila a Lonxa e cos que informa aos participantes nela, recóllense en catro bloques de información diferenciados: “prezos históricos” dos últimos cinco anos (contempla a proposta de prezo por parte da produción), o “chequeo do mercado” (corresponde á proposta por parte da demanda), “tendencia previa” (onde se contrastan as propostas dos dous bloques anteriores) e “stocks en matadoiros” (reflicte como se encontran as reservas de carne de coello no mercado).
Aínda que a Lonxa sexa esencialmente virtual, é a Central Agropecuaria de Galicia, pertencente á Fundación Semana Verde, a súa sede oficial e a que leva a cabo a administración da mesma, encargándose do seguimento dos mercados, da posta ao día da información e de garantir a confidencialidade dos datos aportados polos distintos axentes do sector.











