A tendencia de consumo no Nadal ou a mellora na plantilla de prezos foron os temas centrais da xunta da Lonxa Ibérica do Coello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+
Reunión da Lonxa Ibérica do Coello

Reunión da Lonxa Ibérica do Coello

A xunta da Lonxa Ibérica do Coello, administrada e coordinada pola Central Agropecuaria de Galicia,  reuniuse esta mañá nas oficinas da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, para tratar distintos temas relativos ao sector e á entidade, ademais de fixar o prezo para as dúas vindeiras semanas (49 e 50), o cal para Galicia será de 2,14€/kilo

Así, durante o seu transcurso os asistentes abordaron respecto ao sector, entre outros temas, cal será a tendencia de consumo da carne de coello este Nadal, o que volverá a reunilos a través de multiconferencia o vindeiro 13 de decembro para fixar novamente prezos. En canto á propia Lonxa, tratouse a posibilidade de mellora,  tanto formal como de recollida de datos, da plantilla que propón o prezo semanal  do coello a partir da recompilación de datos reais e contrastables e tras un tratamento matemático. O obxectivo é optimizar a información que ofrece.

Ao encontro acudiron 9 representantes (dous dos confirmados inicialmente non puideron asistir) da produción e a industria das lonxas de Madrid, Zaragoza, Galicia e Bellpuig e do  sector  de Portugal. Estes estiveron acompañados polo presidente das Mesas de Prezos da Central  Agropecuaria de Galicia, Eliseo Miguélez Díaz, funcionario da Consellería do Medio Rural e do Mar e especialista na área de comercialización; e pola secretaria técnica das Mesas.

Esta reunión encadrouse nos encontros físicos que esta xunta leva a cabo periodicamente en distintos lugares relacionados coa Lonxa Ibérica (a anterior celebrouse o 24 do mes pasado en Ponte de Lima, Portugal) e nos que ademais de fixar prezos se debaten outros temas sectoriais de interese.

A Lonxa

A Lonxa Ibérica do Coello, a cal comezou a funcionar en 2010, está concibida como unha lonxa cunícola virtual que permite reunir aos principais axentes do sector (produtores, industria e comercializadores) de España e Portugal.  Desenvolve a súa actividade principalmente a través de videoconferencia, co obxectivo de, obtendo a maior información posible do mercado, facer un seguimento e establecer unha tendencia de prezos obxectiva e precisa en animal vivo.

Aínda que a Lonxa sexa esencialmente virtual, é a Central Agropecuaria de Galicia, pertencente á Fundación Semana Verde, a súa sede oficial e a que leva a cabo a administración da mesma, encargándose do seguimento dos mercados, da posta ao día da información e de garantir a confidencialidade dos datos aportados polos distintos axentes do sector.

 

28 de novembro de 2013 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.