Riveira acollerá o Congreso Internacional de Xuventude os días 25 e 26 de outubro
Os días 25 e 26 de outubro organízase en Ribeira (A Coruña) un Congreso Internacional de Xuventude baixo o lema ‘Da educación non formal ao emprego e ao emprendemento’. A temática do congreso incidirá na importancia da educación non formal para a adquisición de competencias, aptitudes e destrezas que favorecen as posibilidades de empregabilidade das persoas mozas.
O compromiso e a participación dos mozos e mozas nos programas de Xuventude, tanto a nivel individual, como a través de grupos informais ou asociacións, favorece a adquisición de coñecementos, habilidades e actitudes que contribúen ao seu desenvolvemento persoal.
A iniciativa quere ser un lugar de encontro no que os mozos e mozas sexan os verdadeiros protagonistas, comunicando e comentando as súas experiencias, como participantes en distintos programas, servindo de modelo a seguir por outros.
Os obxectivos son os de proporcionar á mocidade unha visión dos distintos modelos e ou programas que desde a participación poidan favorecer e aumentar as súas competencias, servir de lugar de encontro no que os participantes en distintos programas de xuventude poñan en valor as súas experiencias e poñer en valor a educación non formal e informal como factores facilitadores de emprego e de resposta ás necesidades de cada momento.
Este evento está aberto a membros de asociacións xuvenís, mozos e mozas que participaron nalgún programa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado; emprendedores, concelleiros e técnicos de xuventude; animadores socioculturais; educadores; mediadores xuvenís; empresarios; e, en xeral, a todas aquelas persoas interesadas nesta materia. A inscrición está aberta a través da plataforma http://xuventude.xunta.es ata o vindeiro día 18 de outubro.











