Rematou o Campionato do Mundo de Rottweiler con participación de 39 exemplares de 13 países

Stormhaus Cronus e o seu guía no Campionato do Mundo de Rottweiler en Silleda
A parella danesa formada polo can Stormhaus Cronus e o seu guía Henrik Neuman foi a vencedora do Campionato Mundial de Rottweiler 2013 na modalidade de traballo, o cal se celebrou dende o venres e ata hoxe no recinto Feira Internacional de Galicia.
Alzáronse coa vitoria tras acadar 286 puntos, suma das tres disciplinas nas que tiveron que competir os participantes. Deles 97 foron en Obediencia, que incluíu seguimento do can ao seu guía sen correa, sentarse, deitarse, acudir á chamada e recoller obxectos. Outros 99 puntos corresponderon a Defensa, que constou de rexistro de acochos, detención do figurante (malfeitor) e defensa do guía. Os 90 puntos restantes corresponderon á proba de Rastro, na que os cans tiveron que detectar 3 obxectos de tamaño pequeno e distinta textura pasada unha hora da súa colocación nun recorrido de 600 pasos e 6 ángulos rectos en fincas situadas en Agolada e Silleda.
O segundo posto neste campionato do mundo foi para o can italiano Fedor vom Hause Real e o seu guía Dario Como, con 284 puntos. En terceiro lugar quedou a cadela española Felina aus der Espenstatte e a súa guía Asunción Gómez Villarroya.
Por equipos, o vencedor foi o Finlandés, o cal participaba con 5 exemplares e os seus guías.
Participantes de 13 países
En total competiron 39 cans procedentes de 13 países, os cales foron Alemaña, Bélxica, República Checa, Dinamarca, Finlandia, Francia, Holanda, Inglaterra, Italia, Noruega, Suecia, Suíza e España. Estes participantes foron xulgados pola española Begoña Lozano, o portugués Paolo Picariello e o alemán Benno Galonska.
Esta competición, que é un dos maiores eventos da Federación Internacional do Rottweiler (IFR) e estivo organizada polo Club Rottweiler de España, non se celebraba en España dende fai 9 anos. Para 2014 o campionato xa está programado en Suíza.











