No XIII Campionato Internacional Cidade de Riveira de Taekwondo participan preto de 500 deportistas

Campionato Internacional Cidade de Riveira de Taekwondo
O XIII Campionato Internacional Cidade de Riveira reunirá este sábado 19 de outubro no Polideportivo Municipal da Fieiteira a preto de cincocentos participantes das categorías infantil, cadete, xúnior e sénior. A principal novidade da edición do 2013 é a utilización dun sistema novidoso de imaxe que capturará as escenas máis espectaculares de cada combate e posteriormente poderán ser contempladas nunha pantalla xigante.
No torneo utilizaranse, como ven sendo habitual en todas as competicións da Federación Galega, petos electrónicos en todas as categorías (Daedo) e o “vídeo replay” (nas categorías sénior e xúnior). Pola mañá (10:00 horas) disputarase a competición sénior e infantil, mentres que os cadetes e xúnior terán que competir pola tarde (a partir das 16 horas). Os combates terán unha duración de 3 asaltos de 1.30 nas categorías absoluta e xúnior, mentres que na cadete os combates serán de dous asaltos de dous minutos, mentres que na infantil serán dos asaltos de 90 segundos. A organización estableceu o prezo de tres euros para as xornadas de mañá e tarde, e cinco euros para todo o día.
Esta cita xunto co Cidade de Pontevedra, será unha boa pedra de toque para avaliar o estado de forma de todos os deportistas de cara aos próximos eventos autonómicos e nacionais que esperan a finais de ano.











