publicidade hoxe

Javier Garea e Pablo Castiñeira, alumnos do ITF Oroso, conseguen os seus cintos negros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNoiaOroso
A-
A+
Javier Garea Cidre e Pablo Castiñeira Vázquez

Javier Garea Cidre e Pablo Castiñeira Vázquez

Dous alumnos do Taekwon-Do ITF Oroso, Javier Garea Cidre e Pablo Castiñeira Vázquez, veñen de converterse en novos cintos negros I Dan logo de superar unhas rigurosas probas nas instalacións do Liceo de Noia. Un logro que María Jesús Vázquez, secretaria do Taekwon-Do ITF Oroso, considera que “indica unha positiva evolución da nosa escola xa que os rapaces acadaron unha meta que se marcaran dende que comezaron a adestrar en Oroso hai tres anos e que conseguiron a unha temprana idade, xa que Javier ten 16 anos e Pablo tan só 14”.

Javier Garea e Pablo Castiñeira convértense así nos novos “Boosabums” (instrutores asistentes) do ITF Oroso e Pablo Castiñeira xa se ten marcado un novo reto: entrar na Selección Española xuvenil da Federación Internacional de Taekwon-Do de España (FITE), onde sacar o cinto negro I Dan era factor indispensable. “Ademais temos unha alumna preparando tamén o seu exame de I Dan, que seguramente obteña o mesmo resultado que o dos seus dous compañeiros”, adianta María Jesús Vázquez.

Javier e Pablo examináronse o pasado 15 de setembro nas instalacións do Liceo de Noia e ante un tribunal presidido polo presidente da Federación Internacional de Taekwon-Do de España (FITE), Carlos Martín Requejo, quen estivo acompañado polos sabums Antonio Blanco e Sergio Maneiro, e o boosabum do ITF Oroso, Ramón Lema. Ambos alumnos superaron as probas de tul (unhas katas nas que executaron as formas que o tribunal esixía de acordo a tres niveis: branco, amarelo e vermello negro), a proba de sparring (combates a 3, 2 e 1 pasos), os rompementos (proba na que Pablo, pola súa idade, non tivo que romper pero si que tivo que amosar o protocolo a seguir) e preguntas teóricas. Os resultados dos exames non foron comunicados ata esta mesma semana.

Así mesmo, o club Taekwon-Do ITF Oroso tamén asistiu ao curso técnico impartido por Carlos Martín Requejo (VI Dan) antes do exame, onde aprenderon e corrixiron pequenos detalles técnicos tras unha sesión de máis de tres horas na que puideron expoñer as súas dúbidas ao presidente da FITE.

16 de outubro de 2013 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.