publicidade hoxe

Estudantes de Xove reflexionan sobre a cooperación internacional dos municipios na mostra do Fondo Galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaXove
A-
A+

A exposición ‘Influír no global desde o local’, elaborada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, está a percorrer distintos espazos de Xove para concienciar sobre o papel das administracións locais e provinciais na cooperación ao desenvolvemento. Por iniciativa do Concello, socio do Fondo Galego, os paneis deseñados por Pepe Carreiro atópanse agora no IES Illa de Sarón de Xove e pasarán á Casa Consistorial o vindeiro 17 de outubro, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. Nesa mesma xornada, a Tropa de Trapo representará no auditorio municipal o conto ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’, dirixido ao alumnado do colexio da vila e a os seus pais e nais.

No instituto dispoñen das unidades didácticas complementarias á mostra ‘Influír no global desde o local: as entidades locais galegas perante un mundo desigual e inxusto’, que constitúen unha proposta teórico-práctica para ampliar os coñecementos do estudantado no marco da educación para o desenvolvemento. Nelas recóllense diversos vídeos e textos que o profesorado pode adaptar para dar a coñecer diferentes aspectos da cooperación internacional e o labor do Fondo.

A través dunha ducia de paneis, a exposición ‘Influír no global desde o local’ pon de relevo o papel dos Concellos e as Deputacións na cooperación para o desenvolvemento. Á vez, realízase unha viaxe no tempo para repasar anos de traballo do Fondo Galego, descubrir a súa razón de ser e achegarse aos proxectos desenvolvidos neste período. Preténdese aproximar a cidadanía aos problemas dos países do Sur, o sistema de cooperación internacional e o rol que dentro del poden e deben desenvolver as entidades locais galegas e a súa asociación: o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A mostra amosa os desequilibrios Norte-Sur; o por que, para que e como da cooperación para o desenvolvemento e concretamente da cooperación realizada desde as Administracións locais, as características fundamentais da cooperación local galega e o labor do  Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Trátase, pois, de contribuír a que a veciñanza sexa un pouco máis consciente da realidade internacional e dalgúns dos seus problemas fundamentais, chamando a atención sobre a intensa relación global/local e a conseguinte necesidade de que as entidades locais galegas teñan voz propia no mundo.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 Concellos e tres Deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

3 de outubro de 2013 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.