Convocadas a concesión de achegas económicas a deportistas non profesionais residente en Riveira
Tal e como recolle o Boletín Oficial da Provincia, o Concello de Riveira vén de publicar a convocatoria de achegas dirixidas a deportistas non profesionais residentes no municipio.
Dende a Administración Local convócase concurso para outorgar, en réxime de concorrencia competitiva, e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia e igualdade, bolsas a deportistas riveirenses non profesionais que pertenzan ou non a entidades deportivas do municipio, e que destacaran na súa faceta competitiva durante o ano 2012, co obxectivo de apoiar e fomentar a práctica e o rendemento deportivo.
Poderán solicitar bolsas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
– Ter condición de deportista na práctica de algún deporte olímpico (aínda que atendendo á especial importancia dun feito deportivo poderá valorarse a inclusión de practicantes de deportes non olímpicos).
– Estar empadroado no Concello de Riveira, cunha antigüidade mínima de xaneiro de 2009.
– Ter licenza federativa, durante o ano 2012, expedida pola federación deportiva correspondente.
– Estar ao corrente das obrigas fiscais con Concello de Riveira, así como das obrigas coa Axencia Tributaria e a Seguridade Social.
Ata 1.500 euros por deportista
A contía máxima das bolsas serán de 1.500 euros. O límite global das bolsas a outorgar, de acordo co crédito orzamentario existente, será de 5.850 euros.
As solicitudes deberán ser presentadas no Rexistro xeral do Concello durante un prazo de 15 días, que comezará a computarse a partir do seguinte á publicación do anuncio no BOP.
A avaliación das solicitudes realizarase pola Concellería de Deportes atendendo á valoración de distintos criterios, como son o interese xeral (mellor resultado do deportista en campionatos oficiais rexionais, nacionais e internacionais), categoría e continuidade na práctica deportiva.
A Xunta de Goberno do Concello de Riveira estudará todas as solicitudes presentadas e, á vista do informe elaborado polo Concelleiro de Deportes, a Xunta de Goberno do Concello de Riveira acordará a concesión e o pagamento das bolsas.











