publicidade hoxe

Comeza en Abadín a instalación do plan enerxético co que o municipio aforra 36.800 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbadínLugo
A-
A+

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, supervisou este martes en Abadín o inicio dos traballos de instalación do plan enerxético co que o organismo provincial aforra a este Concello 36.800 euros. Faino ó asumir a totalidade dos custes desta iniciativa, a diferencia dos plans doutras administracións, como a Xunta que obriga ás entidades locais a achegar o 30% do orzamento necesario.

A institución luguesa aforrou a Abadín os 10.000 euros que suporía, segundo os prezos do mercado, a realización da auditoría enerxética. Técnicos da Axencia Provincial da Enerxía da Deputación levaron a cabo estes traballos, detectando que os maiores custes enerxéticos deste municipio proviñan do alumeado público. O organismo provincial adquiriu 120 novos compoñentes (lámpadas de baixo consumo, balastros electrónicos, descargadores de sobretensión ou reloxos astronómico) que agora sitúa en dito sistema. O organismo provincial asumiu tanto a compra como a instalación deste material, aforrando ó Concello outros 20.600 euros. Con este material, Abadín reducirá a súa factura anual pola luz en 6.200 euros, un aforro máis do plan enerxético da Deputación.

Ademais dos beneficios económicos, a iniciativa do organismo provincial implica importantes beneficios medioambientais. O equipamento, que esta mesma semana se rematará de instalar en Abadín, evitará a emisión anual de 19,21 toneladas de CO2 neste municipio, é dicir, o equivalente ó gasto eléctrico anual de 15 familias, ó consumo de 77 barrís de petróleo ó ano, ou á plantación de 1.000 árbores.

Próximos Concellos

Nos vindeiros días, a Deputación arrancará os traballos de instalación de equipamento enerxético no Incio, A Fonsagrada, Cervantes, Pol e Samos, para os que adquiriu 2.000 novos compoñentes mediante o seu Acordo Marco, que lle permite aforrar custes con contratacións conxuntas. Progresivamente, o organismo provincial levará estas actuacións ós restantes Concellos que se sumaron, de xeito voluntario, ó plan enerxético da Deputación, sendo un total de 37 municipios. Xunto con Abadín, O Incio, A Fonsagrada, Cervantes, Pol e Samos, adheríronse ó plan Pedrafita, Negueira de Muñiz, Barreiros, Rábade, A Pontenova, Baralla, O Valadouro, Navia de Suarna, A Pastoriza, Meira, Becerreá, Viveiro, Riotorto, Ribas do Sil, Guntín, Monterroso, Láncara, Trabada, O Vicedo, A Pobra do Brollón, Ribadeo, Monforte, Guitiriz, Portomarín, Sarria, Palas de Rei, Xove, Sober, Quiroga, Friol e Castroverde.

1 de outubro de 2013 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.