A mostra ‘Querido Balbino’ chega a Silleda
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva estes días a Silleda a mostra “Querido Balbino 1961-2011: 50 anos de Memorias dun neno labrego”, que se pode visitar desde hoxe e ata o vindeiro día 11 de outubro no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira. A exposición fai parada na localidade pontevedresa no marco do percorrido que está a ter en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.
No acto inaugural, que tivo lugar este mediodía, participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o rexedor municipal, Manuel Cuíña; a presidenta da Asociación Vista Alegre, Dolores Sangiao; o comisario da mostra, Xosé Luís Reimóndez; o profesor e escritor Xoán Carlos García Porral (autor da obra “De Balbino a hoxe: cambios e transformacións na aldea galega”) e o escritor e académico da lingua galega Xosé Neira Vilas. Tras a apertura da mostra desenvolveuse un coloquio arredor de “Memorias dun neno labrego”, no que participou estudantantado do IES Pintor Colmeiro.
Contidos da exposición
“Querido Balbino” articúlase en torno a dous eixos que guían ao espectador a través dun túnel de vitrinas. Dun lado, aparece representada a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos relevantes da súa biografía. Doutro, diversos documentos e materiais amosan o periplo seguido polo propio libro e polo protagonista. Así, a mostra lembra as edicións, as adaptacións teatrais e audiovisuais que tomaron como referencia “Memorias dun neno labrego” -da que se levan sacado do prelo máis de 600.000 exemplares a día de hoxe- e conta cunha parte audiovisual na que se proxecta un documental sobre Balbino.
A mostra-homenaxe presenta tamén trece obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de “Memorias dun neno labrego”, concretamente de Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Damian Paio, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias entre outros. A visita inclúe un catálogo explicativo ilustrado por comentarios aparecidos ao longo destes 50 anos de vida da obra e exhibe un documento único: a “Carta a Balbino” que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario.
Medio século de ‘Memorias dun neno labrego’
No 2011 fixo 50 anos desde a primeira publicación de “Memorias dun neno labrego” (Bos Aires, 1961), a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas. Mostra disto é que na actualidade estea dispoñible en 17 idiomas e preparándose a edición en xaponés. Entre as adaptacións teatrais que se teñen feito dela destaca unha representación en México, na península de Iucatán, primeiro en castelán e posteriormente en maia, na que Balbino se presentou coma un neno indio.
Achegarlle as letras galegas á cidadanía
Tras o seu paso polas bibliotecas nodais e museos de Galicia e mais por localidades pertencentes á RDL como Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos, Ribeira, A Laracha, Sada, Arteixo, Val do Dubra, A Baña, Negreira, Melide, Palas de Rei, Dodro, Rois, Padrón, Outes, Fisterra, Pontedeume, Zas, Castrelo de Miño, Santiago de Compostela ou Silleda, as vindeiras paradas da exposición serán os concellos de Cerceda, Carral, Curtis e Ferrol.
Por medio desta acción, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere seguir dinamizando a lingua a través das nosas letras e tamén impulsar o gusto pola lectura entre a cidadanía, sobre todo entre as persoas máis novas, redescubrindo a obra que xa é un dos piares da literatura galega contemporánea.











