A Feira Internacional de Galicia acollerá a segunda edición do festival de orquestras Closing Tour 2013

Presentación do Closing Tour 2013
A Feira Internacional de Galicia celebrará o sábado 7 de decembro a segunda edición do seu festival de orquestras, o Closing Tour 2013, o cal reunirá no pavillón 1 do recinto feiral a tres das mellores formacións musicais do panorama galego, como son París de Noia, Panorama e Charleston Big Band.
O evento foi presentado hoxe no recinto feiral polo director da Fundación Semana Verde de Galicia, Pedro Corbacho, quen destacou a calidade do cartel e as excelentes condicións do festival; e polo director de Infraestruturas da entidade e coordinador do Closing Tour, Carlos Mato, o cal explicou o seu desenvolvemento.
Para acoller o Closing Tour 2013 o recinto abrirá as portas ás 19.00 horas, e o espectáculo comezará ás 21.00 horas, levándose a cabo un primeiro pase de 1 hora e 45 minutos por parte de cada orquestra e un segundo de 1 hora e 15 minutos. Deste modo os asistentes desfrutarán de máis de 9 horas de música.
Esta edición pretende consolidar este festival con periodicidade anual, converténdoo nunha cita obrigada tanto para os fans das agrupacións participantes como para todos os afeccionados a este tipo de música, os cales acudirán a un evento único no que as orquestras actuarán nos seus propios escenarios, nun espazo totalmente climatizado e cun prezo axustado.
As entradas para asistir ao Closing Tour 2013 pódense adquirir o mesmo día do festival en taquilla cun prezo de 7€. Tamén de forma anticipada por 4,5€, o que suporía un desconto de máis dun 35%, nas oficinas da Feira Internacional de Galicia a partir do 4 de novembro (en horario de traballo) ou na web Servinova (taquilla.servinova.com) a partir de mañá venres.Os nenos menores de 12 anos poderán entrar de forma gratuíta (acompañados dun adulto), sendo libre o acceso ao aparcadoiro do recinto.
Unha edición deseñada polo público
As agrupacións musicais que conforman o Closing Tour 2013 foron as máis votadas polos usuarios da páxina web do evento dende o día 2 de xaneiro e ata o pasado 20 de outubro. Unha votación que foi posta en marcha pola organización co obxectivo de deseñar unha edición o máis próxima posible aos gustos do público, o cal tivo a posibilidade de valorar unha vez ao mes ás súas 10 orquestras preferidas dentro dun amplo listado de agrupacións con puntuacións de 1 ao 10.
Do mesmo xeito, tendo en conta as suxestións do público que acudiu na pasada edición, nesta ocasión estableceuse un único día de festival. Moitos dos asistentes manifestaron á organización que o evento era demasiado dilatado e as horas que supoñían tres días consecutivos eran excesivas, así como a idoneidade de que a celebración fose un día ou dous. Por elo, decidiuse que fose un día, para comprobar a súa aceptación e valorar posteriormente si continuar con este formato ou ampliado a dous días.
Un coñecido artista como novidade
Esta edición incorporará ás actuacións das orquestras diversas novidades. Así, os asistentes tamén poderán ver a actuación dun coñecido artista, quen interpretará algunhas das súas cancións coas formación musicais, ademais dalgún outro entretemento que se poderá ir consultando na renovada web do festival (www.closingtour.com).
Por outra banda, a organización introducirá diversas accións para premiar aos seguidores do Closing Tour, entre elas a entrega dun obsequio aos 200 primeiros asistentes e o sorteo de entradas entre os seguidores do Facebook do evento.











