A Deputación colaborará con 50.000 euros na reparación do Pavillón de Cantalarrana de Sada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSada
A-
A+
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá co alcalde do Concello de Sada, Ernesto Anido, o convenio para formalizar o financiamento das obras de reparación no Pavillón Polideportivo de Cantalarrana.

O acordo supón unha achega provincial de 50.000 euros que cubrirán o 80% do orzamento que o concello ten previsto para estas obras e que ascende a 62.500 euros.

O proxecto inclúe as actuacións en exteriores como reparación de gretas nos peches da fachada, o pintado do frontal e os laterais e das carpinterías. No interior, as obras suporán a reparación do falso teito do vestíbulo, o pintado de tabiques, a ampliación das aulas situadas baixo as bancadas cara a pista, o levantamento do pavimento, o pintado e a ampliación do solado.

O alcalde, pola súa banda, agradeceu o apoio da Deputación provincial para “dar resposta a unha vella demanda dos veciños de Sada” e lembrou que hai máis de dez anos que non se acometían melloras nestas instalacións deportivas municipais.

Anido recordou tamén que no polideportivo de Cantalarrana practícanse deportes de diferentes disciplinas coma taekwondo, baloncesto, futbito…, polo que a actuación nesta instalación “é moi necesaria” porque “ofrece un servizo moi importante para os nosos veciños”.

31 de outubro de 2013 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.